Apoiamos a mobilización convocada pola Plataforma Casalonga Limpa de Residuos para esta fin de semana
Fernández Baz denuncia que o problema da Casalonga é a normativa vixente de PSOE e PP en materia de residuos
A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos convidou ao BNG a participar este fin de semana nas mobilizacións que prevé contra a instalación dun vertedoiro na Casalonga e nomeadamente diante do reinicio da actividade na canteira.
O responsábel local do BNG, Manuel Barreiro, destacou que “o BNG apoia as mobilizacións veciñais contra o vertedoiro na Casalonga, como fixemos desde o principio, e estará o sábado 23 ás 13 horas participando na marcha prevista pola Plataforma”, e engadiu que “o Bloque participará na manifestación convocada para o domingo 24 ás 12 horas con saída da Capilla do Monte Carmelo, amosándolle todo apoio á veciñanza.”
O portavoz municipal do BNG, e candidato á alcaldía, Manuel Anxo Fernández Baz, puxo de manifesto que “no BNG congratulámonos que o goberno municipal (Son de Teo e PSOE) se amose preocupado pola reapertura da canteira, mais tamén pedímoslle que faga cumprir a normativa no que ten a ver coa limitación de pesos porque é competencia municipal, e que se considera que se está actuando de maneira ilícita que o denuncien onde corresponde, no xulgado.” Fernández Baz reafirmou que “no BNG levamos preocupados desde maio de 2018, cando coñecemos os proxectos para a canteira, unha preocupación que se incrementou diante da pasividade das administracións”, e engadíu que “para o BNG o problema desde o principio residía na normativa vixente que permite que se colen vertedoiros co pretexto das restauracións ambientais”, e neste sentido reafirmou que “a única forma de sacar o problema da Casalonga é modificar a normativa estatal, aprobada polo PSOE en 2009, e que a Xunta teña sensibilidade coa maioría social e non siga poñendo por diante os intereses do sector dos residuos.”