Presentamos no Parlamento Europeo unha iniciativa sobre a planta de residuos da Casalonga

IMG_9585

O Bloque critica que o proxecto, presentado por Toysal, implica urbanización da parcela e incumpre a Directiva europea 2010/75

Presentamos no Parlamento Europeo unha iniciativa sobre a planta de residuos da Casalonga

O BNG vén de presentar unha nova iniciativa sobre a planta de residuos prevista na Casalonga no Parlamento Europeo, logo de facelo no Concello e no Parlamento galego, a través da súa eurodeputada, Ana Miranda. Ao respecto, Miranda critica que pese a estar previsto a utilización de grandes cantidades de auga, o proxecto non prevé a construción dunha depuradora.

Segundo o BNG, a construción desta planta de biogas de residuos non conta coas  garantías necesarias para acadar a Autorización Ambiental Integrada “conforme á Directiva 2010/75/UE sobre as emisións industriais”. Neste sentido, Ana Miranda argumenta que no Concello de Teo solicítase Autorización Ambiental Integrada (AAI) dunha industria de Dixestión Anaerobia para tratar 90.000 tm. de residuos industriais orgánicos (ata 60 códigos LER).

“Non entendemos como se pretende construír esta infraestrutra nunha antiga canteira desprovista de calquera elemento básico dotacional e urbanización, e na que a pesar da previsión de uso de grandes cantidades de auga, o deseño instalación careza de depuradora”, sinala a eurodeoutada nacionalista.

Para Miranda trátase dun proxecto de “moi baixa aspiración tecnolóxica”, que semella eludir calquera elemento que supoña un modo de urbanización da parcela, para non incorrer nunha incompatibilidade urbanística prevista no artigo 35.1.m.) da Lei 2/2016 do solo de Galiza”. Dito isto, a eurodeputada entende que, nestas condicións, non resulta posible incorporar as Mellores Técnicas Dispoñibles (MTD), en coherencia coa Directiva 2010/75/UE, coas que acadar garantías aceptables de prevención e control da contaminación. 

Solicitude de investigación

Segundo os documentos BREFs da Comisión Europea, este tipo de industrias deben “dispoñer dunha integración estreita entre a xestión de residuos e a xestión da auga”, circunstancia que tendo en conta a documentación existente polo momento non se cumpriría.

Dadas estas circunstancias, a iniciativa reclama que a Comisión investigue as condicións que atinxen a tramitación deste proxecto e, se o seu emprazamento cumpre coas elementais garantías de adecuación e racionalidade urbanística necesarias para, entre outras, poderse aplicar as MTD e, así, acadar a AAI.

Para o Bloque, este proxecto pon de manifesto unha vez máis que o Concello ten a responsabilidade de emitir un informe de compatibilidade urbanística negativo diante do despropósito que se pretende con esta planta de xestión de residuos.

 

Presentamos no Parlamento Europeo unha iniciativa sobre a planta de residuos da Casalonga