O BNG leva ao Parlamento a solicitude de autorización dunha instalación de xestión de residuos en Teo
Solicítamoslle á Xunta que se posicione diante deste proxecto que xenera enorme preocupación veciñal
O BNG de Teo, a través do seu portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz, promove que o grupo parlamentar do BNG interpele á Xunta sobre a solicitude de autorización dunha instalación de xestión de residuos en Teo.
O pasado 15 de maio o goberno municipal de Teo convocou aos veciños e veciñas da parroquia de Calo a unha reunión na que se informou de que no Concello tiñan constancia desde decembro de 2017 (cinco meses antes)do “Proxecto básico e estudo de impacto ambiental para a solicitude da autorización ambiental integrada das intalacións de xestión de residuos ubicadas en Teo (A Coruña)”, presentado polo Grupo Toysal. Unha reunión á que asistíu unha representación do BNG encabezada polo seu portavoz municipal, Fernández Baz, que tamén é veciño de Calo.
O obxecto deste proxecto e solicitude de autorizacióné, tal e como figura no documento, “a posta en funcionamento na antiga canteira de Camilo Carballal dunha planta de tratamento e reciclado de residuos composta por unha planta de biogás agroindustrial, unha instalación de procesado de digestatos e produción de fertilizantes”. É dicir, preténdese poñer en funcionamento no lugar da Casalonga, no concello de Teo, unha planta de xestión de lodos de depuradoras, lodos de conserveiras, lodos e residuos de industrias agroalimentarias, residuos SANDACH, puríns e estercos, e outros tipos de residuos altamente contaminantes.
A información e explicacións do goberno municipal de Teo na reunión do martes 15 de maio, sobre o impacto ambiental e social dos procesos que se pretenden desenvolver nunha instalación que se vai situar a menos de 400 metros dun núcleo urbano, así como o impacto que vai ter no tráfico pola circulación diaria dos vehículos pesados que transporten os residuos, provocaron nos veciños e veciñas asistentes alarma e fonda preocupación diante do que xa é considerado como un vertedeiro. Así pois os veciños e veciñas asistentes á reunión decidiron constituír unha plataforma veciñal para defenderse fronte ao que consideran unha nova fonte de problemas despois de aguantar durante anos as consecuencias da antiga canteira.
Esta planta de xestión de residuos vai ter impacto inmediato en Teo, mais tamén vai afectar a outros concellos da contorna, polas potenciais consecuencias negativas da instalación que pretende poñer en marcha a empresa Toysal na Casalonga.
Diante disto, e sobre todo da enorme preocupación veciñal xenerada, ogrupo parlamentar do BNG pregúntalle á Xunta se ten coñecemento deste Proxecto, se considera que a antiga canteira da Casalonga é o lugar adecuado para unha instalación deste tipo, se esta planta de xestión de residuos reúne as garantías para a súa posta en marcha, se é consciente o Goberno galego do impacto ambiental e social que ten a instalación que se pretende construír en Teo, e finalmente interpela ao Goberno galego sobre cal é a súa postura sobre o tráfico de vehículos pesados con materiais contaminantes por núcleos urbanos.