A Concelleira de Educación de Teo é incapaz de solucionar o problema do comedor do colexio dos Tilos
A Xunta de Galiza do PP abandona definitivamente ás familias e négase a asumir a xestión do comedor
Vimos de coñecer a resposta por escrito na que a Xunta de Galiza abandona definitivamente ás familias, dá as costas ás nais e pais, e porén, aos cativos e cativas e négase a asumir a xestión do comedor no colexio público dos Tilos argumentando que “non é un servizo obrigatorio senón complementario” e ofrece un convenio con Concello para eludir a súa responsabilidade.
Dende o BNG non podemos entender cal é a diferencia de criterio a respecto dos outros dous centros Teenses, Calo e A Ramallosa, onde si xestiona os comedores e consideramos esta decisión outro paso máis na discriminación que a Xunta do Partido Popular ven facendo dende hai tempo coa veciñanza de Teo que cada vez ten menos servizos e de menor calidade.
Manuel Barreiro, considera que esta decisión da Xunta “significa un grave prexuízo para as familias e exixe que o concello asuma a xestión temporalmente, de xeito inmediato para aliviar a presión sobre as familias. Se o Partido Popular na Xunta, deixa abandonadas ás familias e ás crianzas, a concelleira Argibay non pode seguir como estivo estes seis meses pasando do tema, son veciños e veciñas de Teo e hai que darlles unha solución xa” e continuou, “o primeiro é reactivar o servizo e unha vez solucionado este curso, o BNG convida ao goberno municipal a poñerse connosco á beira das familias e da comunidade escolar dos Tilos e chegar a onde haxa que chegar porque este trato non é de recibo”. Finalmente, dixo “o Partido Popular de Teo virá dicindo que están coa xente e todo iso que din sempre mais a realidade é sempre están ao que manden dende a consellería e o PSOE quere gobernar sen tomar nunca unha decisión, uns polos outros e os rapaces e rapazas sen xantar, é inaudito”.
Para o BNG, hai que dar unha solución urxente a este tema, aínda que sexa provisional, e continuar exixíndolle á Xunta de Galiza que asuma as responsabilidades que ten coa veciñanza, que para iso ten as competencias.