O BNG levará ao Parlamento de Galiza a negativa da Xunta a asumir o comedor no colexio dos Tilos
A Xunta de Galiza debe explicar o seu proceder neste asunto
A Concelleira de Educación de Teo debe explicar que fixo estes seis meses e por que non informou á corporación
O portavoz municipal do BNG de Teo, Manuel Barreiro, púxose onte a primeira hora en contacto co Grupo Parlamentar do BNG para levar ao Parlamento de Galiza o problema creado pola negativa da Xunta a xestionar o comedor do colexio dos Tilos. O BNG de Teo considera que a Consellería ten que explicar a súa actuación neste tema e porque permitiron que durante seis meses as familias non tiveran servicio de comedor no colexio.
O Portavoz nacionalista mantivo, tamén pola mañá, unha reunión coa Concelleira de Educación e Cultura, Mayte Argibay, na que esta comunicoulle a decisión do Concello de asumir o servizo até final de curso se a Xunta garante a xestión no vindeiro curso.
Barreiro manifestou que “esta é unha solución intermedia que serve para aliviar a presión sobre as familias e reiterou que, como xa dixera a semana pasada era unha cuestión de vontade, o concello deu un paso adiante como lle reclamamos e agora é a Xunta a que ten que deixar de marear e asumir as súas competencias dunha vez. Non se pode ter un colexio seis meses sen comedor” continuou expresando que “a denuncia pública do bloque foi efectiva e do venres ao luns a concelleira xa atopou unha vía intermedia de amañar o problema” e tamén expresou a súa indignación co “modus operandi da Xunta do PP que non só non asume as obrigas que ten en base as competencias propias en Educación senón que nin sequera deu unha resposta ás demandas por escrito da ANPA” así mesmo destacou que “o Partido Popular sempre fai coma se Teo non existira e a Xunta de Galiza ponse permanentemente de costas á veciñanza, non temos Centro de día, a parcelaria quedou sen rematar, a seguridade viaria é unha quimera, o transporte público dá risa, a autovía da Estrada non ten saída en Teo e agora xa o máis grave, teñen a cativos de menos de 12 anos nun colexio público sen comedor e empuxaron a moitas familias a unha situación moi difícil. Non atenden ningunha das reclamacións da veciñanza, só veñen a Teo cando precisan unha foto na Pontevea, para a Xunta de Feixóo non existimos”.
Para o BNG, unha vez hai unha solución provisional enriba da mesa, é o momento de exixirlla á Xunta de Galiza que asuma dunha vez as súas responsabilidades, ten as competencias e non pode deixar en mans do concello as uns servizos para os que estes non teñen recursos nin lles competen.