Acto sobre a enerxía eólica coa veciñanza de Lampai
O BNG advertiu en maio da existencia dun proxecto eólico de máis de 50MW para o Monte Piquiño en Lampai
As deputadas Noa Presas e Iria Carreira acompañadas do Portavoz Municipal, Manuel Barreiro participaron onte nun acto público na Casa Común de Lampai en defensa dun modelo eólico alternativo e que poña en primeiro lugar os intereses dos galegos e galegas e non das grandes multinacionais enerxéticas.
A casa común de Lampai quedou pequena pola afluencia de público para este acto que abriu o Portavoz Municipal para contextualizar a situación en Teo. Lembrou na súa intervención que “actualmente estamos ameazados por dous parques eólicos en tramitación para instalar en Lampai. Non que se tramita na administración autonómica e outro na estatal, xa que pasa dos 50MW”. “O BNG advertiu deste proxecto ao Goberno Municipal no pleno de maio e solicitou acceso á información en poder do Ministerio a través dunha pregunta do deputado Néstor Rego mais topamos coa falla de transparencia das administracións do estado que nos impiden ver o expediente”. Barreiro alertou “das políticas depredadoras e pouco respectuosas co país, co tecido económico e social e co noso patrimonio, neste caso concreto de Lampai, ameazan unha das meirandes areas da comarca en canto a riqueza patrimonial”. O portavoz municipal animou á veciñanza a “auto organizarse para estar preparados cando se abran os períodos de alegacións e para traballar dende xa na defensa dos dereitos da veciñanza das parroquias de Lampai, Luou, Rarís e Calo que serán as máis afectadas”, tamén lembrou que “os eólicos, de máis de 150 metros de alto, estarán nalgún caso a menos de medio quilómetro de núcleos de poboación e manifestou que é moi grave que nunha contorna de apenas cinco quilómetros e tan poboada pretendan instalarnos un vertedoiro, un parque eólico”.
Iria Carreira explicou a posición do bloque á respecto da enerxía eólica. Para os nacionalistas o problema está no modelo impulsado polo Partido Popular e polo PSOE que simplemente deixa facer ás empresas facilitando trámites e caendo nunha deixación de funcións no control e protección dos nosos recursos. O BNG, sinalou Carreira, “non está contra o progreso nin contra as enerxías renovábeis, senón contra un modelo que nin crea riqueza no país, nin é axeitado ás nosas características, nin é respectuoso co tecido social nin económico”.
Noa Presas, pola súa banda, sinalou o dano que está a causar a proliferación indiscriminada de parques eólicos por todo o país e que “nos vénden unha enerxía verde mais o que están facendo é un espolio que non está pensado en beneficio dos intereses galegos, senón para enriquecer o grande oligopolio eléctrico". A deputada ourensá explicou que o BNG propón alternativas e pide unha revisión do modelo para facelo “máis sustentábel, tendo en conta que é preciso a ampliación da rede natura e o desenvolvemento dun novo plan sectorial eólico que impulse o consenso cos axentes sociais e económicos implicados e cun retorno axeitado e xusto para os lugares nos que están os parques”. Tamén lembrou que o Bloque reclama que “se declare ben público a enerxía e se poña en funcionamento unha empresa pública que garanta o retorno dos beneficios ás galegas e galegos”.
O Grupo Municipal do BNG en Teo tende a man ao resto de forzas políticas con representación no concello para traballarmos unidos na defensa dos intereses do veciños e veciñas de Teo.