As deputadas Noa Presas e Iria Carreira participaron nun acto coa veciñanza sobre o modelo eólico do BNG
Previamente visitaron a canteira para reunirse coa directiva da Plataforma
As deputadas Noa Presas e Iria Carreira acompañadas do Portavoz Municipal, Manuel Barreiro participaron onte nun acto público en defensa dun modelo eólico alternativo e que poña en primeiro lugar os intereses dos galegos e galegas e non das grandes multinacionais enerxéticas.
O Portavoz Municipal abriu o acto para contextualizar a situación en Teo e lembrou na súa intervención que “hai un proxecto de parque eólico para a zona de Lampai que non está parado, está aínda en tramitación” e que no pleno de maio “o bloque alertou ao Goberno Municipal doutro proxecto que duplicaría en potencia o anterior e que se tramita directamente desde Madrid e do que existen fundadas sospeitas que vai ser no mesmo lugar, aínda que a falla de transparencia das administracións de PSOE e PP impídenos sabelo facilmente”. Barreiro alertou “das políticas depredadoras e pouco respectuosas co país, co tecido económico e social e co noso patrimonio. Sobran exemplos, este dos eólicos e un e o vertedoiro que PSOE e PP van deixar poñer á beira dos núcleos de poboación na Casalonga, outro”.
Iria Carreira explicou a posición do bloque á respecto da enerxía eólica. Para os nacionalistas o problema está no modelo do Partido Popular que simplemente deixa facer ás empresas facilitando trámites e exercendo unha deixación de funcións no control e protección dos nosos recursos “este modelo eólico do PP leva a que concellos como Muras teñan máis muíños que toda Asturias e mesmo máis que habitantes”, o BNG, sinalou Carreira “non está contra o progreso nin contra as enerxías renovábeis, senón contra un modelo que nin crea riqueza no país, nin é axeitado ás nosas características, nin é respectuoso co tecido social nin económico”.
Noa Presas pola súa banda sinalou o dano que está a causar a proliferación indiscriminada de parques eólicos por todo o país que “impacta gravemente en espazos naturais que deberían ter protección como por exemplo a Serra do Suído ou a da Groba mais tamén na economía tradicional, na agricultura e na gandaría” e continuou “véndenos unha enerxía verde e o que están facendo é un espolio que non está pensado en beneficio dos intereses galegos, senón para enriquecer o grande oligopolio eléctrico". A deputada desenvolveu as alternativas que contempla o BNG a este modelo de depredación, “un modelo sustentábel cun fondo para a conservación da natureza, ampliación da rede natura, desenvolvemento dun novo plan sectorial eólico que impulse o consenso cos axentes sociais e económicos implicados, cun retorno axeitado e xusto para os lugares nos que están os parques, declarar ben público a enerxía, así como, a creación dunha empresa pública que garanta o retorno dos beneficios ás galegas e galegos e a consecución dunha tarifa eléctrica galega. Ninguén entende que sexamos os produtores e exportadores de enerxía e teñamos que pagala máis cara, como veu sucedendo neste último ano e medio”.
Previamente, as deputadas do bloque no Parlamento de Galiza visitaron a canteira da Casalonga acompañadas polo Portavoz Municipal, Manuel Barreiro, a concelleira Carme Diéguez e un grupo de veciños e veciñas. Na canteira mantiveron unha xuntanza coa Directiva da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos.
Esta mesma semana o BNG de Teo facía pública a resposta do Goberno do Estado a unha pregunta do deputado no Congreso, Néstor Rego. O goberno do PSOE e Unidas Podemos non vai cambiar a normativa que permite os vertedoiros encubertos e considera que a normativa é suficiente para que iso non suceda. Non ten en conta a realidade das cousas e os múltiples problemas e vertedoiros que se coan con esta normativa pouco garantista cos dereitos da veciñanza e co medio ambiente.
O Grupo Municipal do BNG en Teo insiste en exixir ao PSOE que asuman que o cambio normativo e imprescindíbel e pide que non utilicen as súas areas no goberno municipal como elementos de propaganda partidista e que se deixe de enganar á veciñanza con promesas que son sistematicamente incumpridas.