BNG impulsa a celebración do Ano Castelao e aborda problemas veciñais no pleno de xaneiro en Teo


“Moción de apoio á celebración do ano Castelao en 2025”: Castelao (1886-1950) é a figura principal na política e na cultura da historia contemporánea de Galiza. A súa obra literaria e artística é plenamente consecuente coa toma de posición en defensa do país, da cultura, da lingua e das aspiracións de xustiza e liberdade do pobo galego. Participou nas Irmandades da Fala, na fundación do Partido Galeguista (1931), do que foi deputado nas Cortes da República centrándose na campaña do Estatuto de Autonomía. Tras o golpe fascista de 1936, dedicouse a denunciar os crimes da Ditadura. Acabou asentándose en Bos Aires. Xa enfermo, impulsou a creación da Irmandade Galega (1941), promoveu a fundación do Consello de Galiza (1944) e foi o seu primeiro presidente pronunciando o discurso emblemático Alba de Gloria (1948), para defender a aprobación definitiva do Estatuto Galego polas Cortes da República no exilio. Trala súa morte, o franquismo construíu unha versión manipulada de Castelao, intentou convertelo nun mito desprovisto de ideoloxía e de compromiso político. Cumpridos 80 anos da publicación no exilio de Sempre en Galiza (1944) e a fundación do Consello de Galiza, (considerado o primeiro goberno galego), e cando se cumpren 75 anos do seu pasamento, o Grupo municipal do BNG propón a adopción dos seguintes ACORDOS:
1. Instar ao Goberno da Xunta de Galiza ao recoñecemento de Castelao como primeiro presidente de Galiza e o Consello de Galiza como primeiro goberno galego da etapa contemporánea.
2. Apoiar a declaración do 2025 como Ano Castelao.
3. Impulsar unha programación municipal propia que poña de relevo a dimensión política de Castelao, o seu compromiso con Galiza, a súa obra artística e literaria.
4. Dedicarlle a Castelao dentro do presente ano unha rúa, praza ou equipamento significativo.
Resumo de Rogos e preguntas presentadas polo grupo Municipal do BNG: Sempre defendemos a dotación dun centro de Día para Teo, se a día de hoxe non o hai é responsabilidade do PP por ter anulado o convenio e proxecto de 2008 cando entrou na Xunta en 2009. A actuación do Goberno do PP e da Alcaldesa na actualidade abre moitas interrogantes, polo que o Voceiro municipal do BNG, Eloi Devesa, fai unha serie de preguntas entre as que destacan:” Valorouse empregar algunha parcela municipal para a construción do Centro de Día? Existe algún Informe que o xustifique a elección desa parcela e nave en concreto ou é simple valoración persoal? Por que no se fixo unha licitación ou un concurso público para a compra dunha parcela ou un edificio para esa dotación?” No BNG consideramos que tanto a parcela como o inmoble non son idóneos por accesibilidade, integración no medio, posible custo económico, etc. Tampouco estamos a favor do proceso de adxudicación directa da compra sen concurso público.
Outras das preguntas e rogos que fixo o grupo municipal do BNG foron:
1. Mostrar preocupación pola seguridade do depósito municipal de vehículos onde houbo roubos e vandalismo. A alcaldesa manifesta non ter recursos para manter a seguridade.
2. Solicítase a retirada de árbores e reparación dos camiños que dan acceso ás leiras en Tribaldes.
3. Pregúntase se se poden retirar os postes de luz da Burga, que están sen utilidade e xeran mala imaxe.
4. Insta a revisar as luminarias públicas que non funcionan en Ameneiro, Augas Mansas etc.
5. Trasladamos a preocupación dos veciños de Augas Mansas que levan coa auga da traída turbia varias semanas.
6. Ante a posible reapertura da Mina de Touro e Pino que suporá a eliminación de mananciais no noso concello, vertidos contaminantes ao Ulla, entre outras cousas, rogamos un anuncio público para que tanto o Concello como a veciñanza poidan facer alegación en contra do proxecto. A alcaldesa manifesta non saber deses posibles problemas .
7. Solicitamos que o parque da Casa Común de Lucí deixe de ser un almacén.
8. Volvemos indicar que se liberen os aparcadoiros dos espazos destinados ao transporte público diante das marquesiña onde está o Canaletto.