NO PLENO MUNICIPAL DO 28 DE XANEIRO, O BNG DE TEO CRITICOU O ERRO COMETIDO POLA ALCALDÍA NA XESTIÓN DO PLAN DE OBRAS E SERVIZOS AO ADICAR O 100% A GASTO CORRENTE O QUE DEMOSTRA A FALTA DE PLANIFICACIÓN REAL DE OBRAS.
O BNG de Teo presenta mocións en apoio o sector agrogandeiro e en rexeitamento á modificación da Lei do patrimonio, que son rexeitadas pola alcaldía.
- O BNG apoiou a inclusión do servizo de Teo madruga no Centro rural agrupado.
- O BNG de Teo presentou dúas mocións que foron rexeitadas pola alcaldía, as cales detallamos a continuación.
Compre salientar que o PP presentou unha moción de urxencia sobre o sector agrogandeiro, establecendo un criterio contrario o que o PP votou en Europa o cal indica a falta de coherencia que existe no propio partido e evidencia a falta de seriedade a hora de tratar as problemáticas da poboación.
• Moción presentada polo BNG de Teo en apoio ás reivindicacións do sector agrogandeiro galego onde o BNG propoñía ao resto da corporación a adopción dos seguintes acordos:
Instar á Xunta de Galiza e ao Goberno do Estado español a:
- Oporse ao acordo MERCOSUR-UE polas graves repercusións que terá no sector agrogandeiro galego e transmitir esta posición ao Congreso dos Deputados, ao Parlamento Europeo e á Comisión Europea.
- Rexeitar de forma clara e rotunda a proposta da presidenta da Comisión Europea de recortar máis dun 22% os fondos destinados á Política Agraria Común para o período 2028-2034.
- Esixir para o novo período da PAC 2028-2034 unha mellora do financiamento destinado a Galiza.
- Establecer por parte da Xunta de Galiza, de xeito inminente, a vacinación gratuíta contra a Dermatose Nodular Contaxiosa, a realizar por persoal propio da Consellaría antes da chegada da enfermidade ao noso país, como medida preventiva fundamental.
- Estabelecer medidas adicionais por parte da Consellaría do Medio Rural para previr a entrada en Galiza da DNC.
- Exixir da Xunta de Galiza que as indemnizacións por animal nos casos de baleiro sanitario (DNC) estean actualizadas segundo o prezo real de mercado do gando.
- Modificar e simplificar as normativas de aplicación da PAC en Galiza, tendo en conta a nosa especificidade, evitando criterios diverxentes entre consellarías. No Comité de Seguimento do PEPAC establecerase unha mesa de traballo específica para combater a burocratización da tramitación das axudas, permitindo a simplificación dos procedementos administrativos e a unificación de criterios.
- Promover unha reforma da Lei da Cadea Alimentar con indexación e referencias a marxes comerciais non abusivas, mellorando o coñecemento dos custos de produción mediante estudos específicos e a implantación dunha rede de explotacións que permita obter datos reais das distintas orientacións produtivas.
• Moción presentada polo BNG de Teo de rexeitamento á modificación da Lei do patrimonio cultural de Galiza promovida pola Xunta.
Onde o Grupo Municipal do BNG propoñía ao resto da corporación a adopción dos seguintes acordos:
- Solicitar á Xunta de Galiza a retirada da modificación da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galiza que se recolle na Lei de acompañamento dos orzamentos de 2026.
- Dar traslado desta moción a todas as forzas políticas representadas no Parlamento Galego.
Baseándose entre outras na seguintes exposición de motivos :
A lei de patrimonio foi modificada varias veces e na enésima modificación, a través da Lei de acompañamento dos orzamentos para 2026 preténdese unha “reforma para mellorar a xestión, axilizar os trámites e reforzar a implicación dos concellos na protección do patrimonio cultural”.
Na práctica, dez anos despois, lonxe de ampliar as competencias e operatividade efectiva por parte da Xunta, o PP foi baleirando a Lei de patrimonio cultural de contido, de capacidade executiva e operativa ao mesmo tempo.
Unha das consecuencias desta nova modificación é unha delegación masiva de competencias nos concellos nos ámbitos protexidos do patrimonio cultural, volvendo sobrecargar co peso de máis competencias impropias, a responsabilidade e a xestión nas administracións locais, que, por outra parte,non teñen capacidade, medios, persoal especializado (arquitectos, arqueólogas...) nin recursos económicos para informar nin actuar no ámbito do patrimonio cultural. Isto terá como consecuencia que haxa unha total disparidade de criterios na aplicación da norma nos diferentes concellos de Galiza e a consecuente desprotección do patrimonio de todas as galegas e galegos.
En Rogos e preguntas dende o BNG solicitouse:
- Que se repoña a farola retirada no Colexio de Os Tilos.
- Prazos para a execución da renovación do cespede artificial de Reboredo.
- A retirada de lixo no camiño e área recreativa de Calo.
- Que se resolvan os problemas do mal estado da auga municipal que chega as casa da veciñanza.
- O mantemento das cunetas que está a provocar inundacións en varias zonas do concello.
- Mantemento da estrada que pasa por diante do supermercado de Calo, que está a provocar danos nos coches.
- Que se proceda a retirada de árbores que impiden o paso da ruta BTT na zona de Bamonde.