RESUMO DO BNG DE TEO SOBRE O PLENO DE OUTUBRO
Pleno Municipal do 26 de outubro de 2022
- SAF - Lixo - 25 N - IVE - Pesca - ...
O pasado mércores (26-10-22) tivo lugar o pleno municipal correspondente ao mes de outubro. Un dos temas tratados nel foi o contrato de Servizo de Axuda no Fogar (SAF). Ante o seu remate a finais do mes de novembro, poñerase en marcha o mecanismo administrativo para poder contratar de novo o servizo. O BNG apoia e quere que este se manteña, mais sempre que as persoas que prestan este servizo o fagan nunhas condicións digas. Xustificamos a nosa abstención ante a falta de datos do informe técnico que puidesen aclarar e garantir unhas condicións dignas para o persoal. Ademais, amosamos o noso apoio ás folgas convocadas dende o día 2 polas traballadoras do SAF ante os incumprimentos salariais establecidos segundo o convenio actual e pola proposta da patronal para un novo convenio, o cal diminúe o seu poder adquisitivo.
Outro dos asuntos tratados no pleno foi a finalización da concesión da xestión de recollida de lixo. Este punto aprobouse, absténdonos nós por múltiples dúbidas que nos xorden ao ler o estudo. Dende o BNG queremos a municipalización, mais non apoiamos o modelo presentado polo goberno actual porque atopamos escasas e tardías as medidas presentadas. No BNG apostamos por un servizo de recollida municipalizado e polo modelo das 3R (redución, reciclaxe e reutilización), tendo a compostaxe caseira e comunitaria como cerne do mesmo. Estes obxectivos non son posibles co modelo presentado, mais si existen outras alternativas. É máis, xa hai moitos municipios traballando nesta liña, como é o caso de Allariz ou Carballo, que poderían servir de modelos a estudar e implementar en Teo.
Ademais destes temas, o BNG presentou tres mocións de urxencia para tratar no pleno, relativas á rebaixa do IVE no gas; á reivindicación do 25 de novembro e á necesidade de impulsar compromisos económicos e orzamentarios para garantir a atención á violencia no contexto de crise de prezos e de rearme do machismo; e finalmente, en defensa da frota pesqueira galega fronte ao novo regulamento imposto pola Comisión Europea.
Link ao pleno:
https://www.youtube.com/watch?v=KlY_A7ZCBzI&ab_channel=ConcellodeTeo