RESUMO DO BNG DE TEO SOBRE O PLENO DE DECEMBRO

Pleno Municipal do 28 de decembro de 2022

- Rogos Lampai     - Rogos Luou     - Bibliotecas Municipais     - Campo Municipal Juan Amado     - Fochancas     - Fibra
Pleno Municipal do 28 de decembro de 2022

O mércores 28 de decembro tivo lugar o pleno municipal de Teo.

Entre os diversos temas que se abordaron salientamos a moción de rexeitamento do novo proxecto de ampliación da AG-59, presentada polo PSdG-PSOE. Dende o BNG apoiamos a moción pois consideramos que a obra é moi agresiva co patrimonio cultural, paisaxístico e etnográfico.

Alén disto, en rogos, dende o BNG de Teo presentamos dúas iniciativas.

Un dos rogos responde ás demandas dos veciños e das veciñas da parroquia de Lampai. Estes explican que a estrada da Deputación DP-6502 que atravesa a parroquia de Lampai e vai cara Pazos precisa ser ancheada. Ao mesmo tempo, carece de paso de peóns e o estado de mantemento é precario e perigoso. Polo exposto, instamos ao alcalde a que esixa á Deputación da Coruña as obras necesarias para o correcto acondicionamento desta estrada e facilitar así a circulación coa máxima seguridade que precisan os vehículos a motor, vehículos sen motor e peóns.

O seguinte rogo presentado responde ás demandas da veciñanza da parroquia de Luou. A estrada DP-0205 no tramo de máis de 3 kilómetros comprendido entre o PK 7,850 (Lugar de Cornide, Calo) e o PK 11.200 (O Aido , Luou) atópase nun estado de lamentable abandono en canto a seguridade viaria. Cómpre salientar que no lugar da Igrexa de Luou hai unha Asociación Cultural, A Mámoa, con gran afluencia de socios e socias, moitos deles menores de idade. Estes vense obrigados a circular pola estrada que carece de paso de peóns e bandas redutoras de velocidade. Ante isto, e para dar solución transitoria a esta grave situación de perigosidade viaria, instamos ao alcalde de Teo a xestionar os procedementos oportunos, tanto a nivel municipal, como na Deputación, para instalar dúas bandas redutoras de velocidade situándoas antes e despois do edificio da Asociación A Mámoa.

Ademais disto, preguntamos ao Alcalde polo peche das bibliotecas públicas do concello no período vacacional. Consideramos que, alén de ser necesarias para os estudantes de Teo, poderían ser empregadas para albergar diferentes actividades de lecer no Nadal.

Así mesmo, dirixímonos ao goberno municipal para preguntar o motivo polo cal no campo de fútbol municipal Juan Amado, do Praíña, non se poden empregar os vestiarios da parte superior, que tiveron melloras recentemente.

Tamén preguntamos sobre as obras do Castañal, que xeran dúbidas entre a veciñanza sobre as actuacións que se executan no lugar na actualidade.

Por último, demos coñecemento de diversas fochancas nas zonas de Rarís e reiteramos a urxencia da instalación de fibra óptica en todo o concello.

 

Limk ao pleno: https://youtu.be/ElLKMqGJ2jc

Orde do día completa:

1. Dación de conta das resolucións da alcaldía (da Res 1547/2022 do 25/11/2022 á Res 1693/2022 do 22/12/2022).

2. Dación de conta do cumprimento do artigo 104 BIS da Lei 7/1985, do 2 de abril, en relación co persoal eventual.

3. Dación de conta da nova composición das comisións informativas trala presentación do escrito de data 07/12/2022 (R. E. número 6670) do Grupo Municipal do Partido Popular.

4. Ditame da ratificación da resolución da alcaldía do 30/11/2022 (Res. 1569/22) de ampliación da prórroda do convenio do SAT.

5. Ditame da proposta da alcaldía de modificación do proxecto de "Reurbanización da Rúa Rosalía de Castro, Parque Montouto, Parroquia de Cacheiras, Teo", aprobado dentro do POS+Adicional 2/2021.

6. Ditame da moción do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE sobre rexeitamento do novo proxecto de ampliación da AG-59.

7. Mocións.

8. Rogos e preguntas.

Pleno Municipal do 28 de decembro de 2022