O BNG demanda que se atenda a forte oposición veciñal e se rexeite a instalación dunha pirotecnia en Calo Patricia Castelao destaca a grande resposta social na segunda entrega de alegacións dirixidas á Subdelegación do Goberno
Alertan da "temeridade" e o "grave risco" que suporía a autorización administrativa á empresa
Teo, 11 de agosto de 2022.- O BNG de Teo esixe que se tome nota da oposición veciñal e as gravísimas consecuencias que podería ter na parroquia e se denegue a autorización para a instalación dun taller pirotécnico no lugar de Solláns, na parroquia de Calo. Na segunda entrega de alegacións dirixidas á Subdelegación do Goberno, a portavoz Patricia Castelao defendeu que o número de alegacións recollida demostra "o clarísimo rexeitamento e o medo a poñer un polvorín á beira das súas casas".
Por segunda vez, despois de que a pasada semana entregaran xa máis de 200 apoios, representantes do BNG e veciñas e veciños de Teo achegáronse ao rexistro para depositar máis de 150 alegacións que, segundo apuntaron, demostran a "contundente oposición ao proxecto de instalación da pirotecnia en Solláns".
A portavoz municipal do BNG de Teo, Patricia Castelao, esixiu que "as adminsitracións tomen nota da oposición dos veciños e, de maneira especial, de todas as razóns, de carácter técnico, que achegan para demostrar que autorizar un proxecto así sería unha temeridade imperdoábel".
Destacou tamén que, "en pleno agosto e en poucos días, foron moitísimas persoas as que quixeron sumar o seu nome á listaxe do rexeitamento da pirotecnia e iso demostra o medo e a oposición que existe en Teo".
Explicou Patricia Castelao que "foi precisamente ese interese da veciñanza o que nos levou a facer unha segunda entrega de alegacións xa que todo o mundo quere participar na campaña para conseguir que a pirotécnica non se instale en Calo".
Está claro, apuntou a voceira do BNG, que o proxecto "xera moita preocupación polo seu alto risco e porque non se cumpren as distancias das vivendas e outras construccións que usan día a día moitas persoas".
Patricia Castelao asegurou que está convencida de que "é imposíbel que, con esta oposición, e co que suporía para o futuro de Calo se poda autorizar a instalación dunha empresa cuestionada ademais por non cumprir as normas no pasado e provocar unha explosión no ano 2006 con grandes destrozos na contorna". De todas maneiras, afirmou que o BNG vai poñer todos os medios ao seu dispor para esixir que se rexeite a autorización. "Neste sentido, ademais de participar activamente na campaña social, presentamos iniciativas tanto no Congreso como no Parlamento Galego e iremos até o fin para conseguir que este proxecto non se faga realidade porque, para nós, o prioritario é a seguridade e o benestar das persoas e non o interese dunha empresa", apuntou Castelao.
Nas alegacións presentadas denúnciase que a empresa interpreta unilateralmente a normativa e alega no proxecto que se respectan as distancias que exixe a normativa, declarando que o núcleo de poboación está a 125,25 metros e que as vivendas fóra do núcleo están a 110. Porén, estas medicións son as que fai a propia promotora tomando para iso a distancia até as edificacións, cando distintas parcelas habitadas con hortas, piscinas e xardíns lindan directamente coa finca da pirotecnia polo que a presenza de persoas é habitual ao carón das instalacións. Ademais debe lembrarse que o estourido de hai quince anos afectou a todas as infraestruturas até 400 metros de distancia, polo que esa distancia non pode considerarse suficiente. Tamén se recolle no proxecto que o núcleo de Solláns é pequeno e pouco poboado, mais isto non é así, é un lugar con numerosas vivendas, así como con distintos locais comerciais, a sede dunha asociación ou mesmo a sede do Conxunto de Escolas Rurais Agrupadas. Lémbrase ademais que en 2006 descubriuse que a empresa almacenaba máis explosivos dos permitidos, co cal a inseguridade é aínda maior.