Nota de Prensa 04-08-2022 Alegacións pirotectia en Solláns
05 ago. 2022 - 14:46
O máis visto
Entregan máis de 200 alegacións contra a instalación da pirotecnia en Calo
Esixen que se denegue a autorización porque "sería unha absoluta temeridade e un grande risco para a veciñanza"
A recollida de apoios continuará até o vindeiro xoves 11 de agosto que se fará unha nova entrega no rexistro da Xunta
Teo, 4 de agosto de 2022.- Representantes do BNG e veciñas e veciños de Teo entregaron esta mañá 227 alegacións para solicitar á Subdelegación do Goberno que denegue a autorización para a instalación dunha pirotécnica no lugar de Solláns, na parroquia de Calo. A iniciatiava continuará unha semana máis até o vindeiro 11 de xuño en que se fará unha nova entrega de alegacións. Alertan de que sería unha "temeridade" situar un polvorín "que pon en perigo a seguridade das construcións e as persoas".
A portavoz municipal do BNG de Teo, Patricia Castelao, destacou a oposición de veciñas e veciños á construción dun taller pirotécnico que, segundo apuntou, "xera moita preocupación porque se trata dunha actividade de alto risco nun espazo próximo a vivendas e outras construcións utilizadas cada día por moitas persoas". Neste sentido, destacou o feito de que, en pouco tempo e no verán, máis de 200 persoas asinaran alegacións contra a pirotécnica o que, ao seu ver, é mostra "da oposición e o temor que en Calo existe" o que ten que "ser escoitado polo Goberno para, polos criterios obxectivos que se expoñen, rexeitar a autorización".
"No BNG opoñémonos a esta actividade polos riscos que suporía para a veciñanza e, neste sentido, ademais de participar nesta iniciativa de entrega de alegacións, desenvolvemos unha actividade institucional en contra tanto no concello como no Congreso", sinalou Patricia Castelao.
Ademais da portavoz municipal nacionalista, no acto de entrega de alegacións participaron representantes do BNG de Teo e veciñas e veciños que esixen que se "priorice a seguridade cidadá, fronte a autorización de actividades potencialmente perigosas". Defenden que a pirotécnica xera un claro risco e que a veciñanza lembra perfectamente a grande explosión do ano 2006 na instalación propiedade de Pirotecnias Calo S.L. -a mesma que agora solicita a autorización para o taller de Solláns- que ocasionou grandes destrozos nun radio de 400 metros, afectando a 40 casas da contorna con danos estruturais nalgunhas vivendas.
"Daquela a explosión produciuse de noite e iso fixo que non houbese danos persoais graves pero a superficie afectada é maior que a que agora se contempla na solicitude co cal defendemos que a autorización sería un grave risco para a veciñanza de Calo", apunta a voceira do BNG.
Nas alegacións presentadas denúnciase que a empresa interpreta unilateralmente a normativa e alega no proxecto que se respectan as distancias que exixe a normativa, declarando que o núcleo de poboación está a 125,25 metros e que as vivendas fóra do núcleo están a 110. Porén, estas medicións son as que fai a propia promotora tomando para iso a distancia até as edificacións, cando distintas parcelas habitadas con hortas, piscinas e xardíns lindan directamente coa finca da pirotecnia polo que a presenza de persoas é habitual ao carón das instalacións. Ademais debe lembrarse que o estourido de hai quince anos afectou a todas as infraestruturas até 400 metros de distancia, polo que esa distancia non pode considerarse suficiente. Tamén se recolle no proxecto que o núcleo de Solláns é pequeno e pouco poboado, mais isto non é así, é un lugar con numerosas vivendas, así como con distintos locais comerciais, a sede dunha asociación ou mesmo a sede do Conxunto de Escolas Rurais Agrupadas. Lémbrase ademais que en 2006 descubriuse que a empresa almacenaba máis explosivos dos permitidos, co cal a inseguridade é aínda maior.
"Conceder a autorización nestas condicións sería unha absoluta temeridade, co cal esiximos que se priorice absolutamente a seguridade de veciñas e veciños e se prohiba a instalación deste polvorín á beira das súas casas", apunta Castelao que anuncia novas medidas e mobilizacións se non se escoitan as demandas da veciñanza.
Máis novas