NOTA DE PRENSA 14 DE FEBREIRO DE 2023
Sobre a polémica da Casa Común de Lucí
O BNG oponse ao depósito de coches de Lucí
Considera que a contorna da Casa Común resulta máis apropiado para a súa humanización e utilización como zona de esparcimento da veciñanza.
Teo, 14 de febreiro de 2023.- A finais do mes de xaneiro e principios de febreiro o BNG de Teo tivo coñecemento pola veciñanza de Lucí, e polas obras realizadas xunto á Casa Común desa parroquia, de que se estaba instalando un depósito de coches nesa ubicación. A raíz de que non se facilitara información aos Grupos municipais sobre esa actuación, e ante a inquedanza da veciñanza, a portavoz do BNG, Patricia Castelao, solicitou aclaracións ao Alcalde; confirmando este que o uso desa parcela sería para vehículos municipais e para a recollidas dos coches abandonados do concello. Ao mesmo tempo veciños da parroquia solicitaron información ao Concello, informando este que estaba prevista a instalación de un estacionamento de coches municipais no lugar sinalado.
A alarma suscitada pola posibilidade da instalación dun depósito de coches nunha parcela xunto á Casa Común da parroquia levaron aos veciños e veciñas a convocar unha reunión onde as persoas presentes manifestaron o seu rexeitamento á instalación dun depósito temporal ou definitivo de coches; incluso a un estacionamento municipal.
Desde o BNG estamos moi preocupados pola falta de información previa aos veciños e veciñas por parte do alcalde. Opoñémonos frontalmente á utilización da parcela como depósito de coches e consideramos que o uso apropiado para a mesma é o de zona de encontro da veciñanza e actividades relacionadas coa Casa Común.
Por todo o exposto o BNG de Teo solicitará, mediante a presentación dunha moción, un compromiso indubitado por parte de todos os grupos políticos de que baixo ningún concepto se instalará na mencionada parcela un depósito de coches temporal ou definitivo.
Da mesma maneira, o BNG recollerá no seu programa electoral as propostas dos veciños e veciñas de dar un uso mais apropiado á parcela e destinala a fins de esparciamentos e actividades da Casa Común. Co fin de avanzar nas propostas da veciñanza de Lucí, convidamos a todos os veciños e veciñas da parroquia a acudir á reunión que o BNG tiña prevista para o próximos día 9 de Marzo ás 20:00 horas.