NP BNG sobre a liña alta tension 01-09-2022
-
NP BNG liña alta tension 01-09-2022 (descarga)
O BNG critica á Xunta por autorizar a liña de alta tensión que afecta a bens patrimoniais e paisaxísticos da comarca de Compostela
A responsábel comarcal, Elvira Cienfuegos, reclama ao goberno a defensa da paisaxe e de bens como o Castro Lupario e o Castro Valente
Iniciativas nacionalistas en Padrón, Teo, Brión e Rois súmanse á oposición da veciñanza
Santiago de Compostela, 1 de setembro de 2022.- O BNG da comarca de Compostela mostra a súa oposición á autorización por parte da Xunta do proxecto de liña de alta tensión entre Lousame e Tivo que afectará á paisaxe de importantes enclaves da comarca e a bens patrimoniais de grande valor como o Castro Lupario. A responsábel comarcal, Elvira Cienfuegos, informou de distintas iniciativas das organizacións locais de Padrón, Teo, Brión e Rois e o apoio á oposición da veciñanza.
Responsábeis do BNG de Padrón, Teo, Brión e Rois xunto coa responsábel da comarca de Compostea, Elvira Cienfuegos, avaliaron a situación provocada pola autorización por parte da Xunta da construción da liña de alta tensión entre Lousame e Tivo e estudaron distintas iniciativas para apoiar a oposición a unha infraestrutura que, segundo apuntaron, afecta tanto ao patrimonio cultural como paisaxístico da comarca con importantes prexuízos para a veciñanza.
A infraestrutura autorizada pola Xunta, unha liña de alta tensión de 220 kilovoltios con torres de máis de 50 metros, está previsto que atravese o territorio dos concellos de Lousame, Rois, Brión, Teo, Padrón, A Estrada, Valga, Cuntis e Caldas de Reis provocando un grande impacto ambiental, económico e patrimonial.
"Entre outros puntos de interese, a liña pasa xunto ao Castro Lupario, no Camiño de Santiago polo Faramello, polo conxunto de Angueira de Castro ou polo Castro Valente, entre outros bens patrimoniais, ademais de afectar á paisaxe da comarca. A Xunta desoíu, entre outros, o informe do Consello da Cultura Galega que alerta do perigo da súa construción", sinala a responsábel comarcal, Elvira Cienfuegos, para quen o goberno galego ten que "recapacitar e tomar nota dos grandes prexuízos que para as terras de Compostela supón a construción deste proxecto cun impacto grande no trazado do Camiño Portugués".
O BNG desenvolveu distintas iniciativas nos concellos afectados da comarca e, desta maneira, en Padrón mostrou o seu total apoio á veciñanza do Areal que recolleron sinaturas contra o proxecto e en defensa do territorio, patrimonio e conxunto etnográfico que se verá afectado pola obra promovida pola multinacional privada Rede Eléctrica de España (REE), que, entre outros elementos, afecta ao Castro Valente.
Pola súa parte, o BNG de Rois manifestou a súa oposición á construción desta infraestrutura de alta tensión pola súa proximidade a núcleos rurais, fincas cultivábeis e forestais de grande riqueza e tamén elementos patrimoniais que teñen que ser protexidos e conservados polo seu incalculábel valor. Neste sentido, instou ao Concello a reclamar que a Xunta acelerase a declaración de Ben de Interese Cultural -que xa o BNG iniciara na alcaldía de Rois- do Castro Lupario para impedir que fose afectado polo trazado da liña e aumentar a súa protección. Mostrou tamén a súa preocupación por elementos patrimoniais próximos a Angueira de Castro, como o seu petroglifo, a apoiou as iniciativas da veciñanza de Angueira contra o proxecto. Nesta liña manifestouse tamén o BNG de Brión que trasladou ao pleno a preocupación polo futuro do Castro Lupario e a urxencia de instar a súa protección.
A alerta en Teo desencadeouse pola proximidade do trazado a elementos catalogados como a Ponte de Francos, Camiño Real Iria-Santiago ou a fábrica de curtidos ademais da afectación visual e paisaxística do territorio.
"O BNG esixe, neste sentido, un total respecto e protección dos elementos patrimoniais paisaxísticos e fará todo o posíbel para impedir prexuízos para a veciñanza afectada polo proxecto. O ben común de veciños e veciñas e o noso patrimonio teñen que primar sobre os intereses particulares", sinalou Elvira Cienfuegos.