EN ROGOS INFORMOUSE SOBRE DESPERFECTOS NO CONCELLO

O Pleno apoia por unanimidade as mocións do BNG sobre Lucí e en apoio ao 8M

O Pleno apoia por unanimidade as mocións do BNG sobre Lucí e en apoio ao 8M

O Pleno Municipal apoia por unanimidade as mocións presentadas polo BNG de Teo en contra do depósito de coches e en apoio ao 8M

En rogos, a organización nacionalista informou de fochancas nos Tilos e instou ao goberno a comunicarse coa Xunta para a limpeza de beirarrúas en Reis

Teo, 02 de marzo de 2023.- No día de onte tivo lugar o Pleno Municipal correspondente ao mes de febreiro. Entre os diversos temas que se abordaron nel atópanse dúas mocións presentadas polo BNG. A primeira delas é en contra ás obras que o goberno municipal realizou no antigo parque da Casa Común de Lucí, destinadas a convertelo nun depósito de vehículos abandonados ou nun aparcadoiro municipal. Tras o debate, a moción foi aprobada por unanimidade de todos os membros da corporación. Esta decisión completa as accións iniciadas polos veciños e veciñas da parroquia, que lograron o compromiso da Alcaldía de Teo de que non se instalaría un depósito de coches nin aparcadoiro municipal na ubicación sinalada. Ademais, o goberno municipal comprometeuse a “humanizar minimamente” a zona.

Outra das mocións presentada polo BNG é en apoio ás mobilizacións do 8M, na que se insta ás administracións públicas a que tomen medidas concretas como a creación do Instituto Galego das Mulleres, da Unidade de Saúde Integral das Mulleres ou, entre outras, a elaboración dun Plan de Extensión dos Servizos Públicos en Materia de Coidados. A moción foi aprobada por unanimidade.

Outros dos aspectos a votar no Pleno foron as distintas propostas da Alcaldía de recoñecemento extraordinario de créditos para o pago de facturas da luz ou a liquidación da obra “camiños escolares seguros”. Ambas foron apoiadas polo BNG, mais insistimos en que os distintos recoñecementos extraxudiciais de créditos son derivados duns orzamentos municipais que non se axustan á realidade.

Por último, xa en rogos e preguntas, o BNG informou das fochancas dos Tilos, que precisan un arranxo máis eficaz debido ó paso continuado dos autobuses. Ademais, tamén instou ao goberno a poñerse en contacto coa Xunta de Galiza para que limpe de silvas as beirarrúas situadas en Reis.

O Pleno apoia por unanimidade as mocións do BNG sobre Lucí e en apoio ao 8M