Desconfíamos da apertura do expediente de caducidade. A Xunta aprobou o plan de labores
O BNG sospeita que esta anunciada caducidade facilita a instalación do vertedoiro
Fernández Baz pídelle ao Concello que actúe esixindo a revogación do Plan de Labores, e das actuacións de restauración previstas, vía recurso de reposición ou contencioso para garantir a caducidade polo grave impacto ambiental que suporía a restauración
Desde o BNG de Teo valoramos moi positivamente a noticia de que a Xunta pretende iniciar un expediente de caducidade da explotación da canteira da Casalonga. Mais tamén amosamos toda a desconfianza, reservas e cautela fronte este anuncio, xa que hai menos dun mes que o mesmo ente vén de autorizar un Plan de Labores, e tendo en conta que está en fase de exposición pública o último requisito que lle falta, o Plan de Restauración (que é o que realmente quere Toysal) . Así pois, polo de agora na tramitación administrativa non cambia nada. De feito, semella que o que se pretende é facilitarlle o traballo a Toysal para a instalacíon do vertedoiro vía restauración.
En relación coa información publicada, a concesionaria pode responder ante posibles sancións que deriven polo estado de abandono da canteira, mais podería quedar nunha simple multa. O que chama a atención é que tendo concedida a autorización do Plan de Labores que dito expediente se resolva declarando caduco o permiso da canteira, cando aínda non rematou o procedemento administrativo.
O BNG recorda que estamos ante o que consideramos un fraude de procedemento administrativo, pois hai un Plan de Labores que agocha a verdadeira intencionalidade da empresa, valéndose dunha normativa permisible do goberno do Estado e da Xunta, que permite que canteiras poidan acabar recibindo residuos “valorizados” como operación de restauración ambiental. Cabe recordar que dita empresa ten como principal actividade a xestión de residuos e non ten experiencia no ámbito da minaría.
O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, destaca que “o BNG diante disto demanda unha actuación mais enérxica por parte do Concello de Teo”, e neste sentido “traballa nunha iniciativa para lograr un acordo para presentar un recurso de reposición ou directamente un contencioso administrativo (como xa se ten feito con outras cuestións, por exemplo na demanda contra o eucalipto) contra a resolución do Plan de Labores e do Plan de Restauración, e na que, á vez, se demande a caducidade do dereito mineiro en base á Lei de ordenación da minaría de Galiza.” E subliña que “un dos fundamentos do recurso é que unha falsa reapertura da canteira xeraría un moi grave prexuízo ambiental, xunto á acumulación de infraccións graves, sobre as que a Xunta semella, agora, poñer o foco de atención.”
O portavoz nacionalista destacou que “o BNG vén reclamando un cambio normativo dos Reais Decretos estatais do PSOE que amparan este tipo de actividades, o RD 105/2008 e o RD 975/2009, cando se poñen en evidencia claras operacións de xestión de residuos enmascaradas por supostas accións de restauración mineira e que, finalmente, xeran un maior dano ambiental, baleirando de contido a aplicabilidade real da filosofía da restauración ambiental.”
En definitiva, Fernández Baz, destaca que “o BNG defendeu desde o primeiro momento que a restauración ambiental da canteira pasa polo cese de calquera actividade na mesma, e efectuar unha intervención de consolidación do espazo lacustre alí rexenerado, incluso promovendo a súa declaración coma Espazo Natural de Interese Local (e que sería un logro no eido da restauración de espazos mineiros) e, para o resto do espazo da canteira, as intervencións necesarias para recuperar forestalmente a superficie degradada aproveitándose dos propios restos depositados da canteira.”