O BNG esixe explicacións ao alcalde polo expediente de sanción á policía local.

O BNG esixe explicacións ao alcalde polo expediente de sanción á policía local.

O portavoz do BNG de Teo, Manuel Anxo Fernández Baz, manifestou sorprendido que “coñeceu polos medios de comunicación a decisión do alcalde de Teo de abrirlle un expediente disciplinario á policía local.”

Para o portavoz nacionalista, “esta cuestión é suficientemente grave e transcendente como para que, o alcalde e o goberno municipal de Anova e PSOE, llo comunicasen á corporación municipal a través dunha xunta de portavoces”.

Esta actuación do alcalde vén motivada polo informe da policía local sobre as obras denunciadas por un particular no lugar de Texexe e que deu orixe á paralización das mesmas por parte do propio alcalde e á posterior orde de reposición da legalidade urbanística, e que sorprendentemente agora motiva o expediente disciplinario.

O conflito entre o goberno municipal e a policía local pode afectar ao funcionamento normal dun servizo público importante como é o da seguridade sendo os veciños e veciñas de Teo os/as principais prexudicados/as.

Diante da gravidade dos feitos, e da necesidade de informar aos veciños e veciñas de Teo sobre os mesmos, Fernández Baz, solicita “a convocatoria dunha xunta de portavoces de carácter urxente para que o goberno municipal explique este grave proceder contra a policía local así como as actuacións que o motivan.”

O BNG esixe explicacións ao alcalde polo expediente de sanción á policía local.