Reunímonos coas ANPAS para coñecer de primeira man a situación do ensino en Teo
A reunión, que durou máis de dúas horas, serviu para coñecer de primeira man as necesidades e demandas das asociacións de nais e pais, así como a situación dos centros, nomeadamente diante das dificultades sobrevidas neste curso escolar por mor da COVID19 que xeran unha serie de necesidades específicas que haberá que afrontar en canto á seguridade da comunidade educativa.
Carme Diéguez reiteroulles “o compromiso do bloque coas súas demandas e a vontade de levar de inmediato ao pleno do Concello as que sexan de competencia municipal”. Manuel Barreiro valorou moi positivamente o encontro “que decorreu nun ambiente distendido con vontade de colaboración e no que saíron temas moi importantes que hai abordar inmediatamente.” E engadiu que “a reunión foi unha primeira toma de contacto para establecer unha canle de comunicación permanente, de feito fixamos unha nova reunión para seguir construíndo xuntos”
O BNG comprometeuse a reclamarlle ao goberno municipal o cumprimento dos compromisos adquiridos coa comunidade educativa de Teo, así como a levar ao Parlamento galego a través do Grupo Parlamentar do BNG as demandas e necesidades das ANPAs de Teo.