As repercusións da mina de Touro sobre o Ulla. A auga que bebemos

Minaweb

Organizamos unha charla na mediateca de Cacheiras o día 16 ás 20:30 sobre as repercusións da mina de Touro sobre o Ulla. Intervirán Manuel Anxo Fernández Baz, Xoán Louzao e Xosé Luís Rivas "Mini".

As repercusións da mina de Touro sobre o Ulla. A auga que bebemos

A mina que agora pretenden reabrir, foi explotada nos anos 70, mais os efectos da actividade mineira, paralizada hai uns 20 anos, continúan, tal e como confirman diversos estudos que conclúen que segue a contaminación nos acuíferos, pozos, regatos e ríos da zona por ferro, cobre a aluminio, e destes vai até o río Ulla.

Este Proxecto esta situado na bacía do río Ulla, e afecta directamente a dúas canles fluviais importantes que desembocan no río, agora queren volver a abrir esta explotación a ceo aberto situada no mesmo espazo pero ampliando as súas dimensións considerablemente, falamos de 700 hectáreas de extensión.

Así pois, as augas do Ulla que xa sofren a contaminación aportada polo Laña e o Brandelos, derivada da explotación anterior. Agora vanse ver afectadas pola nova explotación que multiplica a carga contaminante.

A riqueza medioambiental do río Ulla é un indiscutible activo para Teo en todos os planos, e ademais, as veciñas e veciños de Teo dependemos do Ulla para satisfacer as necesidades de auga potable. Precisamos pois un río san e limpo. Calquera tipo de ameaza ou risco para a calidade das augas do Ulla pode aparellar unha situación de carencia futura que afectaría a saúde dos ecosistemas e das persoas.

En consecuencia, o BNG defendeu e apoiou no Concello esixirlle á Xunta de Galiza que se extremen as medidas de protección medioambientais que garantan a calidade das augas do río Ulla, e que o Concello  presente as alegacións técnicas oportunas ao proxecto de explotación mineira. Así como tamén, que se adopten todas as medidas de vixilancia e control necesarias para garantir unha óptima calidade da auga do río Ulla.

As repercusións da mina de Touro sobre o Ulla. A auga que bebemos