O BNG de Teo leva ao Parlamento Galego a redución dunha liña en 4º de primaria no CEIP de Calo

Captura de pantalla 2021-09-03 a las 10.13.04
O BNG de Teo leva ao Parlamento Galego a redución dunha liña en 4º de primaria no CEIP de Calo

O grupo Parlamentar do BNG rexistrou onte varias iniciativas, a través da deputada Iria Carreira, nas que se insta á Xunta de Galiza a non reducir a devandita liña de 4º no colexio de Calo. Así mesmo, tamén se fan varias preguntas ao Goberno de Feixóo sobre a calidade da educación pública, os motivos desta redución e, nomeadamente, sobre como afectará a decisión á calidade educativa no centro Teense. 

O pasado curso escolar, por mor da situación derivada pola pandemia da COVID19, puidemos comprobar os beneficios de contar con grupos de alumnado máis reducidos, mellorando tanto as condicións psicopedagóxicas, como tamén as condicións laborais do profesorado. Esta é a situación do CEIP A Igrexa de Calo, en Teo, no que se pretende suprimir unha das aulas de 4º de primaria. Pasando así de contar con 3 grupos de 17 alumnas a contar só con dous de 25. Esta decisión é especialmente desafortunada e presenta o agravante ademais de que, neste curso, máis do 10 % do alumnado precisa un reforzo educativo especial por causas diversas, incluíndo varios diagnósticos de trastornos do espectro autista.

Aínda que esta medida se axusta ás ratios establecidas legalmente, non pode obviarse que se trata dunha perversión da norma tratando de cumprir exclusivamente as condicións numéricas sen atender á calidade educativa. Resultan rechamantes as decisións da Consellería de Educación para este novo período educativo do 2021-2022, ao ver por todo o País numerosos casos de diminución de profesorado e volta ao agrupamento do alumnado.

Dada esta situación, a ANPA A Rabadela estivo a desenvolver diversas mobilizacións durante todo o período estival para esixir a reversión desta decisión e manter deste xeito os tres grupos que tan bo resultado teñen demostrado, mais sen que desde a Consellería se lles chegase a dar ningunha resposta.

O Grupo municipal do BNG en Teo presentou no pasado pleno unha moción que foi aprobada por unanimidade na que se rexeitaban estes recortes e se instaba a Consellería de de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galiza a que manteña na súa totalidade o persoal educativo dos CEIPs de Teo, e en particular no de Calo, así como que se garanta a continuidade de todos os servizos.

O BNG de Teo leva ao Parlamento Galego a redución dunha liña en 4º de primaria no CEIP de Calo