Emendas do BNG de Teo aos orzamentos da Xunta para 2020

tg_carrusel_cabecera_grande
Emendas do BNG de Teo aos orzamentos da Xunta para 2020

O BNG rexistrou no Parlamento galego as emendas parciais aos orzamentos da Xunta para 2020 que unha vez máis non atenden as principais demandas da veciñanza.

As emendas propostas polo BNG de Teo son as seguintes:

-Constución dun centro de día para o que propoñemos unha emenda de 200.000 euros. É unha das principais demandas en Teo polas necesidades de atención e de conciliación e porque o centro público de referencia está en Urdilde.

-Cumprir o acordo unánime no Parlamento galego a iniciativa do BNG para rematar a parcelaria nas parroquias de Lampai, Luou, Rarís, Lucí, Oza, Teo, Bamonde e Vilariño. Emenda case 18 millóns de euros que inclúe outras concentracións parcelarias doutros concellos.

-Adoptar medidas de humanización da AC-841 desde Cacheiras até Pontevea, unha estrada autonómica que en Teo é unha travesía urbana. Emenda de 200.000 euros no marco dunha emenda global que contempla actuacións en materia de seguridade viaria e humanización nas estradas da Xunta.

-Incluímos unha emenda de 500.000 euros para a reforma integral do CEIP de Calo contemplando o aillamento térmico, laboratorio, ximnasio, e outras actuacións necesarias no edificio principal.

-Plan de posta en valor do BIC Pontevea. Son moitos os compromisos pero a Xunta non contemplou as partidas necesarias para a revalorzación da Ponte e da súa contorna como corresponde como Ben de interese cultural. Emenda de 200.000 euros.

O portavoz municipal do BNG, Manuel Anxo Fernández Baz, reclámalle ao PP que “teña en consideración as propostas do BNG porque son necesidades veciñais, algunhas das cales son xa históricas como o centro de día que lle foi negado en 2009 por Feijóo á veciñanza de Teo cando estaba para iniciar o proceso de licitación.” Por outra banda, Fernández Baz engadiu que “rematar a concentración parcelaria forma parte dun acordo a iniciativa do BNG adoptado por unanimidade no Parlamento galego hai un ano”, e engadiu “que a reforma do CEIP de Calo é unha demanda recorrente da comunidade educativa polas necesidades do centro de ensino”, a respecto da humanización da AC-841 o portavoz nacionalista subliñou que “é unha travesía urbana nun parte importante do concello e require unha actuación que incida na seguridade e na humanización da vía”, finalmente Baz reclamou unha vez máis “que efectivicen os compromisos feitos públicos cando quitaron a foto na ponte o conselleiro e os alcaldes de Teo e da Estrada e que doten economicamente o plan de posta en valor da ponte e da súa contorna.”

Emendas do BNG de Teo aos orzamentos da Xunta para 2020