Homenaxe a Ánxel Casal e as persoas represaliadas polo fascismo español
Intervención do portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz no acto de homenaxe a Anxel Casal e aos asasinados pola barbarie franquista.
Boa tarde, vaia por diante o meu agradecemento á concelleira de cultura de Teo polo convite a participar no acto do 83 aniversario do asasinato de Ánxel Casal.
Cando me puxen a reflexionar sobre o que ía dicir hoxe pensei na memoria histórica, pensei nos asasinados, pensei nas represaliadas, pensei nos cobardes asasinos, mais tamén pensei nos líos de palacio que se traen na Meseta co Valle dos Caídos (83 anos despois do pronunciamento militar de 1936!), pensei no Pazo de Meirás, pensei no roubo, pensei no saqueo, pensei en que ao mellor os actos da memoria deberían ser máis acto que palabra. Pensei.
En fin aquí estamos, onde apareceron os cadáveres de Ánxel Casal e Xosé Devesa Areosa, un ano máis lembrando aos asasinados, mais tamén é necesario lembrar aos asasinos, a aqueles cobardes que decidiron rematar coa vida de persoas por pensar de maneira diferente, foron buscalos e matáronos. Si, lembramos e temos na memoria aos demócratas asasinados, mais tamén debemos ter na memoria aos asasinos, violadores e represores, porque esiximos xustiza e para que quede claro que non olvidamos e que o que fixeron non foi de valentes, senon de cobardes, tiñan medo enfrontar e confrontar coa palabra porque só permiten o pensamento unidimensional.
A memoria é a clave de todo, mais tamén é moi importante ter presente que a memoria é lembrar a cadaquén por como era. “Casal por Galiza fixo máis que todos nós” dixo Castelao. Casal foi un dos fundadores das Irmandades da Fala e un dos impulsores do Partido Galeguista, primeira expresión politicamente organizada do nacionalismo galego. Casal foi un editor respectable. Casal foi alcalde de Santiago, o primeiro en pronunciar un discurso en galego no salón de plenos do Concello. Casal foi vicepresidente da Deputación da Coruña. Casal xogou un papel decisivo na defensa do Estatuto de autonomía, que sempre entendeu como un paso decisivo no porvir de Galiza. Casal era nacionalista galego.
Estamos aquí porque temos e queremos ter memoria, porque lembramos a Ánxel Casal, a Pepiño de Areosa, a Constante Liste e a todas as persoas represaliadas polo fascismo español. Temos memoria sán, sen manipulacións, porque é necesario que evitemos a fosa común da confusión ideolóxica, pois é de xustiza que lembremos a cadaquén polo que era e polo que defendía. Casal e outras moitas persoas asasinadas e represaliadas desde 1936 pola dictadura eran nacionalistas galegas que defendían os dereitos nacionais de Galiza.
Así pois, para rematar quero darlles voz a todos aqueles como Ánxel Casal que foron asasinados por defender, como eles dicían, a redención da Patria galega. Viva Galiza Ceibe!
Manuel Anxo Fernández Baz
Portavoz municipal do BNG no Concello de Teo
19/08/2019