Luís Bará e o grupo municipal mantiveron un encontro coa Plataforma Casalonga Limpa de Residuos
O BNG preguntará no Parlamento Galego á respecto do proxecto de vertedoiro da Casalonga
O BNG, representado polo deputado Luís Bará, a concelleira Carme Diéguez e o Portavoz Municipal, Manuel Barreiro, mantivo o luns unha reunión informativa coa directiva da Plataforma Casalonga Limpa de Residuos.
O encontro serviu para manter actualizado o fluxo de información e sobre as respectivas iniciativas e os vindeiros pasos a dar na loita contra a instalación do vertedoiro. O deputado, Luís Bará, presentoulle á Plataforma as preguntas que o BNG presentará ao Goberno Galego este vindeiro mércores 29 no pleno do Parlamento en relación coa posición da Xunta á respecto do proxecto de vertedoiro na Casalonga, así mesmo, a directiva foi convidada a asistir como público á esta sesión do parlamento, ofrecemento que foi aceptado.
O Portavoz municipal, Manuel Barreiro, valorou moi positivamente esta reunión que “foi produtiva e que reforza o traballo de ambas partes” e continuou “temos que estar coordinados e vogar todos na mesma dirección que é a de manter a presión social e reclamar á Xunta do PP e ao Goberno do Estado de PSOE-UP que modifiquen as normativas, que protexan á xente e non ás industrias”. Lamentou, tamén a posición do Partido Popular de Teo que “ten un portavoz municipal que non pinta nada na estrutura interna e ao que o seu propio partido non para de desautorizar e contradicir, o PP de Teo só aparece para dárllela razón á Xunta e aínda manteñen, logo de tres anos, esa posición hipócrita de votar unha cousa aquí e a contraria onde realmente se decide que é no Parlamento de Galiza”.