Notas de prensa

Nota de prensa do bng de Teo 23 de Abril de 2022

O BNG conmemora a Batalla de Cacheiras como "semente do nacionalismo"


A portavoz de Teo, Patricia Castelao, destaca que "o BNG incorpora a enerxía de quen defendeu os dereitos de Galiza na nosa historia"

 

Teo, 23 de abril de 2022.- O BNG de Teo homenaxeou esta mañá ás persoas que participaron na Batalla de Cacheiras tal día coma hoxe de 1846 como "semente necesaria do nacionalismo actual". A portavoz, Patricia Castelao, e a concelleira, Carme Diéguez, realizaron nunha ofrenda floral no monumento conmemorativo da Fundación O Grelo-Amigos de Galiza e convidaron a "homenaxear ás persoas que defenderon os nosos dereitos e un futuro de seu para a nosa terra".

Nun acto en que participaron tamén militantes do BNG de Teo, as concelleiras Patricia Castelao e Carme Diéguez depositaron un ramo de flores diante do monumento á Batalla de Cacheiras que tivo lugar o 23 de abril de 1846 e manifestaron a necesidade de "lembrar a todas as persoas que, ás veces dando a propia vida, loitaron polos dereitos e os intereses de Galiza".

Na vangarda dos dereitos nacionais e sociais

Neste sentido, a portavoz, Patricia Castelao, destacou o interese de "coñecer e recuperar a nosa propia historia e transmitila en herdanza ás novas xeracións porque é tamén o xermolo dun futuro mellor". Ao respecto, fixo fincapé no "relevante pasado desta terra, con episodios cruciais para toda Galiza como este mesmo da Batalla de Cacheiras que, sen dúbida, é un acontecemento que nos puxo na vangarda da loita polos dereitos non só no noso país senón máis alá das nosas fronteiras".

"Na Batalla de Cacheiras defendéronse os nosos dereitos como pobo e tamén os dereitos das persoas a vivir dignamente e, neste sentido, é un referente de especial valor para o BNG porque nos sentimos herdeiras deses mesmos obxectivos e por eles traballamos", apuntou Patricia Castelao para quen a formación nacionalista "incorpora a enerxía de quen defendeu Galiza a través da nosa historia".

A concelleira nacionalista de Teo apostou por unha acción de goberno local que "teña á recuperación da memoria como un dos seus eixos de actuación porque a historia do noso concello pode ser unha ferramenta de interese para a dinamización social e tamén para presentarnos no conxunto de Galiza con identidade propia".

Ler novas

Xuntanza co Conselleiro de Sanidade

Hoxe Patricia Castelao, voceira do bng de Teo, acudiu á xuntanza entre representantes municipais e o conselleiro de Sanidade, Julio Comesaña, onde se falou da creación dun novo centro de saúde na Ramallosa. Agardamos que este anuncio sexa o punto de partida para poñer fin ao deterioro e deficiencia dos servizos sanitarios de Teo e frene a “fuxida” de veciños e veciñas a centros de saúde da contorna, por non dispor en Teo de servizos sanitarios propios dun concello con case vinte mil habitantes.
Dende o BNG estaremos atentas ao devir do proxecto, xa que anunciar un novo centro non pode quedar só na construción dun novo edificio, se non que significa tamén concretar os servizos, medios e persoal cos que se vai dotar.
A no sa voceira aproveitou a xuntanza para lembrarlle ao goberno do PP na Xunta a necesidade dun Centro de Día no Concello.
Ler novas

Nota de Prensa 24/02/2022

Teo, 24/02/2022.-

O BNG apoia os orzamentos do concello de Teo "por responsabilidade" e anuncia que non apoiará ningunha moción de censura

A nova portavoz, Patricia Castelao, tomou posesión do seu cargo no pleno en que se rexeitaron as contas municipais

 O BNG de Teo decidiu votar a favor dos orzamentos presentados polo goberno municipal "por responsabilidade e polo ben da veciñanza que está a padecer as consecuencias dun goberno débil e inestábel", sinalou a nova voceira nacionalista, Patricia Castelao, que tomou posesión no pleno en que se debateron as contas municipais para este ano que foron rexeitadas cos votos do PP e o PSOE. 

"Non son os nosos orzamentos e gustaríanos un maior diálogo nun tema que é crucial para o futuro da veciñanza mais, mesmo así, por responsabilidade, decidimos votar a favor das contas presentadas polo goberno municipal", sinala a nova portavoz do BNG no concello de Teo, Patricia Castelao no seu primeiro pleno como concelleira. 

O BNG anuncia tamén que lamenta que o goberno presidido por Rafael Sisto, "teña que vincular os orzamentos a unha moción de confianza porque demostra a soidade do seu grupo que tenta gobernar cunha minoría insuficiente", polo que solicita "xenerosidade, diálogo e humildade para a defensa dos intereses da veciñanza que si que están vinculados aos orzamentos que son o verdadeiro programa de goberno dun concello". 

Neste sentido, Patricia Castelao anunciou tamén que non apoiará ningún intento, a curto prazo, de calquera iniciativa de "moción de censura porque estamos certas de que a alternativa será aínda peor, tal e como se demostrou na historia recente de Teo". 

O BNG quere deixar claro despois do acontecido no pleno celebrado este mércores que "os intereses primeiros están  na mellora das condicións de vida da veciñanza do concello de Teo, nuns orzamentos sociais e realistas, que non vendan fume senón que resolvan as urxencias da veciñanza" e, neste sentido, as dúas concelleiras comprométense a "apoiar as accións de goberno encamiñadas a reclamar melloras para o concello como estamos facendo co sistema sanitario ou de transporte e tamén a reunirnos as veces que faga falta para chegar a acordos para o ben de Teo". 

Advertiron, iso si, que "a situación do concello mudou con Son de Teo gobernando en solitario e iso ten que obrigar ao grupo dirixido por Rafa Sisto a tomar nota e ser dialogante, coa humildade que se precisa nunha situación de grande debilidade". Neste sentido, apuntaron tamén as nacionalistas que "polo BNG non se vai perder ningunha oportunidade para tomar decisións ou desenvolver accións que supoñan responder aos intereses e beneficios das veciñas e veciños de Teo”.

Ler novas