O BNG de Teo celebra o 25 de maio un acto público aberto á veciñanza no restaurante San Martiño de Calo
O candidato á alcaldía, Eloi Devesa, intervirá na xuntanza acompañado de Guillerme Vázquez, exportavoz nacional do BNG, e Noelia Castaño, a número 2 na candidatura
Teo, 1 de abril de 2023.- O BNG de Teo celebra o acto de presentación da candidatura para as eleccións municipais de maio de 2023. O evento tivo lugar este venres 31 de marzo no restaurante Pórtico de Cacheiras, nunha sala ateigada de xente e ilusión.
O evento comezou cunha interpretación do gaiteiro Serxio Núñez, seguido da intervención da candidata número 2 en Teo, Noelia Castaño, quen tratou a situación actual do Concello e as necesidades que presenta. A continuación foi a quenda da deputada no Parlamento, Iria Carreira, quen falou sobre as melloras precisas no ámbito sanitario en Teo. Deseguido, o deputado no Congreso, Néstor Rego, fixo fincapé na importancia de, “concello a concello, traballar por un país máis xusto e mellor para todas e todos”. Finalmente, para dar paso á intervención do candidato á Alcaldía, Eloi Devesa, fixo unha breve presentación sobre este, e entre outros aspectos, sinalou a súa tradición familiar pola política, indicando que “o seu bisavó xa foi concelleiro na Segunda República no Concello de Teo”.
Xa para rematar, tivo lugar a quenda de Devesa, quen presentou a candidatura para as eleccións municipais de maio e indicou sentirse “moi orgulloso de encabezala”. Ademais, fixo fincapé en que se trata dunha “candidatura formada por veciños e veciñas que coñecen moi ben os potenciais e as problemáticas de Teo”. Alén disto, posicionouse claramente e indicou que dende o BNG de Teo rexeitan “plantas de residuos, eólicos sobre o noso patrimonio e os nosos fogares, e pirotecnias no medio das aldeas”.
Devesa tamén sinalou que o BNG presenta unha candidatura que aposta pola humanización do espazo público, que ofrece servizos públicos de calidade á veciñanza, que apoia a creación de emprego e do polígono industrial, que fomenta o asociacionismo, que atende á mocidade e á terceira idade, e que respecta o medio ambiente de Teo.
Este sitio usa cookies propias e de terceiros para desenvolver información estatística e amosar publicidade relacionada coas súas preferencias mediante a análise da súa navegación. Mais detalles >