FERNÁNDEZ BAZ DENUNCIA QUE A INTERVENCIÓN NA CANTEIRA TERÁ UN IMPACTO AMBIENTAL NEFASTO NO ENTORNO

Presentamos alegacións ao plan de restauración de Toysal para a canteira da Casalonga 

Captura de pantalla 2019-09-19 a las 9.29.53

Baz reclama máis unha vez que se modifique a normativa estatal que é a que lle da amparo aos vertedoiros vestidos de restauración ambiental.

Presentamos alegacións ao plan de restauración de Toysal para a canteira da Casalonga 

O BNG de Teo a través do seu portavoz municipal, Manuel Anxo Fernández Baz, rexistrou o pasado xoves 12 de setembro un documento de dez páxinas coas alegacións ao plan de restauración presentado por Toysal para a canteira da Casalonga.

O documento pode verse aquí.

Desde que se fixo público que unha empresa do sector dos residuos mercara a canteira da Casalonga, así como os dereitos de explotación, o BNG de Teo reclamou unha posición clara e contundente tanto fronte ao proxecto previsto, inicialmente acompañado dunha planta industrial de xestión de residuos, como fronte aos que tiñan a responsabilidade por elaborar a normativa que permite que se colen vertedoiros camuflados a través de plans de restauración, e que teñen a posibilidade de modificala. Neste caso falamos do goberno socialista que aprobou esta normativa en 2008 e 2009. En definitiva, nada se fixo a respecto do que consideramos que vai ser un macrovertedoiro amparado por esa normativa estatal.

Aberto o prazo para presentar alegacións ao plan de restauración presentado pola concesionaria, e diante da situación xenerada e da problemática que se aveciña, Manuel Anxo Fernández Baz destacou que “desde o BNG formulamos as alegacións en base á preocupación social existente e ás implicacións que vai ter este proxecto na contorna. O documento consta de 10 páxinas nas que se argumenta tecnicamente a necesidade de que a Xunta informe desfavorablemente a avaliación ambiental, neste caso, ao procedemento de avaliación simplificada que achegou a empresa, procedemento que contravén a Lei de Avaliación Ambiental, e que de ser informado positivamente pola Xunta sería un escándalo, pois facilita aínda máis o camiño da empresa promotora de lograr o seu vertedoiro, demandándose nas alegacións, cando menos, a elaboración dunha nova valoración ambiental e a emisión dunha Declaración de Impacto Ambiental por parte da Xunta, a expensas de que se explique que pasa coa execución e cumprimento da Declaración de Impacto Ambiental vixente do ano 2001, e que se saiba, non está revogada nin anulada. Ademais, Fernández Baz destacou que “calquera restauración da canteira debe pasar polo cese de calquera actividade na mesma consolidando a parte alta que está xa, en grande parte, rexenerada naturalmente e na área inferior se proceda á recuperación do espazo cos materiais alí presentes”. Así mesmo, Baz subliñou que a posición do BNG refórzase coa reclamación do “inicio dun procedemento de declaración de Espazo Natural de Interese Local”. Finalmente, o portavoz nacionalista reclamou que “se dean os pasos necesarios desde as administracións para modificar textos normativos, caso do RD 975/2009 ou o RD 108/2008, que permiten, en base á súa ambigüidade, amparar proxectos de vertedoiros vestidos de fraudulentas operacións de restauración ambiental de canteiras”.

Presentamos alegacións ao plan de restauración de Toysal para a canteira da Casalonga