RESUMO DO BNG DE TEO SOBRE O PLENO DE NOVEMBRO
Pleno Municipal do 30 de novembro de 2022
O mércores 30 de novembro tivo lugar o pleno municipal de Teo.
Entre os diversos temas que se abordaron nel consideramos importante comezar pola moción de urxencia presentada polo grupo municipal de Son de Teo, onde manifestan o seu rexeitamento ás modificacións da Lei de Solo de Galicia (Lei 2/2016) nos seus artigos 35.1 e 146 bis. Dende o BNG de Teo apoiamos esta moción pois, entre outros motivos, aféctamos de cerca en relación coa posibilidade de abrir de novo a porta a Toysal. Manifestamos así o noso total e rotundo rexeitamento a esta posibilidade que brinda o Partido Popular. Ante isto, propuxemos a redacción dun documento que explique á veciñanza o que significaría para Teo a aprobación desta Lei e pedimos que se realice unha campaña divulgativa da mesma, utilizando todos os medios dos que dispoña o Concello para que a veciñanza coñeza a realidade da situación. Tamén pedimos que se acorde convocar a comisión de seguimento sobre o asunto referido a Casalonga para tratar a situación e informar a todos os implicados dos pasos a seguir e da evolución da propia lei. Este punto xa foi cumprido ao día seguinte do pleno ao convocarse para este venres 2 de decembro unha comisión informativa especial sobre a canteira da Casalonga.
Na segunda das mocións de urxencia presentada por Son de Teo manifestan o rexeitamento á “suposta” actuación de usurpación de funcións da concelleira Dna. Mayte Argibay e solicitan a súa dimisión. Dende o BNG consideramos que o procedemento para tratar este tema non foi o axeitado, que as formas foron vergoñentas e que a persoa implicada debe ter sempre o dereito a dar a súa versión dos feitos. Estas foron as causas que motivaron a nosa abstención. Temos moi claro que Teo non merece este tipo de política e que o descontrol que se viviu no pleno puido evitarse con diálogo previo.
Alén disto, o BNG presentou tamén catro mocións relativas á retirada da simboloxía franquista dos espazos públicos; á toma de medidas para o fomento do sistema do transporte público por estrada; de apoio ás traballadoras do Servizo de Axuda do Fogar (SAF); e á reapertura da pirotecnia de Solláns, para a cal a Asociación A Baiuca participou no pleno a través da intervención de Carlos Mosquera Neira. Entre outros aspectos, solicitan ao Concello vías para lograr que non se instale a planta. Todas as mocións presentadas polo BNG saíron.
Por outro lado, o PSdG-PSOE presentou unha moción relativa á instalación da tirolina nos Tilos. Dende o BNG decidimos absternos na votación desta, pois non contempla a reubicación da tirolina en ningún outro lugar, requisito que pide parte da veciñanza da parroquia. Finalmente, a moción foi aprobada mais, cómpre apuntar, podería terse evitado se o goberno municipal escoitase antes de tomar decisións á veciñanza.
Para rematar, concluímos o pleno demandando ao Concello diferentes problemas que a veciñanza e o BNG atopamos en Teo no día a día, como o mantemento e reparación de estradas e beirarrúas ou o desbroce de diversos terreos, entre outros rogos.
- Link ao pleno: https://youtu.be/UjRPQn3vrpM