ARRASAR FINCAS, ESPAZOS NATURAIS E PATRIMONIAIS NON É O MELLOR XEITO DE TRABALLAR POR UN RURAL VIVO E CON FUTURO 

O BNG leva ao Parlamento Galego a retirada do proxecto de ampliación da AG-59

Pontevea_Montse Prado

Este proxecto de ampliación da AG-59 é unha agresión ao medio ambiente, ao patrimonio cultural e etnográfico, así como os nosos sectores produtivos.

Non está pensando para dinamizar a economía de ambos concellos, ao contrario.

Demandamos a posta en marcha dun plan integral de rehabilitación para a ponte de Pontevea, que realce e protexa este ben cultural e patrimonial e a súa contorna.

O BNG leva ao Parlamento Galego a retirada do proxecto de ampliación da AG-59

A deputada do BNG no Parlamento Galego, Montse Prado, visitou na tarde de onte a zona pola que transcorrerá a autovía AG-59 entre Couso e Vilacriste, no Concello da Estrada. A deputada estivo acompañada pola Portavoz Municipal do BNG da Estrada, Susana Camba, e o do BNG de Teo, Manuel Barreiro, así como membros da asociación A Xesteira de Couso. Xuntos percorreron unha parte da ruta dos muíños de Vea, aberta pola asociación e sufragada con fondos europeos, da Xunta e do Estado para súa posta en valor, amosando especial interese na zona concreta pola que a autovía atravesará o río Vea arrasando dous dos muíños do roteiro. 

Desde o BNG da Estrada e de Teo consideramos que o proxecto de ampliación da AG-59 ao seu paso por ambos os dous concellos é unha agresión en toda regra ao medio ambiente, ao patrimonio cultural e etnográfico, así como os nosos sectores produtivos, por tanto, Montse Prado, presentará nos vindeiros días unha iniciativa neste sentido, pedindo á Xunta a retirada do proxecto que trae máis problemas que beneficios a ambos concellos. Arrasar fincas, espazos naturais e patrimoniais non é o mellor xeito de traballar por un rural vivo e con futuro. 

A ampliación da AG-59 discorre por un espazo protexido no que se concentra vexetación autóctona como carballos, ameneiros e freixos, e tamén fauna como salmón, troita, lamprea, parrulos, morcegos ou mexillón de río entre outras especies. Por outra parte, o trazado tamén afecta gravemente a patrimonio etnográfico de enorme importancia cultural. Ademais arrasa terreos agrarios en ambos os dous concellos que verán diminuídas as terras de cultivo. Ademais este proxecto de autovía deseñado pola Xunta do PP, divide parroquias, afectando gravemente á habitabilidade destas, xa que discorre moi preto das casas, como por exemplo no Rollo, onde remata a autovía.  Porén, a Consellaría de Infraestruturas elaborou o proxecto de ampliación da AG-59 desde a Ramallosa (Teo) até o Rollo (A Estrada) cun viaduto de 40 metros e catro carrís que atravesa o río Ulla, e con outro pequeno viaduto de menores dimensións que cruza o río Vea. Toda a ribeira do Ulla que descorre polos concellos da Estrada e Teo está inserida no sistema fluvial Ulla-Deza da Rede Natura 2000. Tamén se verá afectado o Camiño da Geira e dos Arrieiros que vén de Braga (Portugal) até Santiago Compostela, camiño que foi posto en valor pola asociación Codeseda Viva, que logo dun intenso traballo de documentación demostrou que ten a súa orixe no século IX. 

O deseño deste proxecto non está pensando para dinamizar a economía de ambos concellos, ao contrario, está deseñado para acurtar o tempo de desprazamento a Santiago de Compostela, onde se atopan grandes centros comerciais, o que afectaría gravemente á economía local de ambos os dous concellos. 

O BNG presentou unha serie de alegacións ao proxecto e elevou, a través da Eurodeputada Ana Miranda, unha pregunta á Comisión Europea pola agresión que supón este proxecto á Rede Natura é a filosofía dos fondos FEADER, que se utilizaron para a posta en valor do roteiro e dos muíños do Río Vea.

Ademais visitaron a contorna da Ponte de Pontevea para a que o BNG impulsou a declaración de Ben de Interese Cultural. Esta reclamación histórica do bloque non se fixo coa idea de que ficara só nun papel, senón para darlle unha maior proxección á zona da ponte e á rio Ulla ao seu paso por este fermoso enclave que une ambos concellos. Demandamos a posta en marcha dun plan integral de rehabilitación, que realce e protexa este ben cultural e patrimonial e esiximos que se valore axeitadamente a Ponte e a súa contorna como elemento turístico, cultural e social, que se actúe na súa conservación e mantemento e que se dinamice con fins de aproveitamento tanto por parte da veciñanza coma dos visitantes.

O BNG leva ao Parlamento Galego a retirada do proxecto de ampliación da AG-59