Onte foi o pleno extraordinario para explicar o contido da reunión do goberno municipal con Toysal
Por que o concello non foi a un contencioso?
Porque non solicitou que as masas de auga foran incluídas no rexistro de humidais?
Reiteramos a nosa disposición á unidade da corporación co obxectivo de impedir que se instale o vertedoiro mais lembramos ao goberno municipal que hai que cambiar o rumbo que leva
O Alcalde compareceu onte no pleno extraordinario solicitado polo BNG o día 28 de xullo para explicar o contido da reunión do goberno municipal coa empresa Toysal.
O Sr Sisto explicou que a reunión decorreu nun ambiente de tensión e que o representante legal de Toysal chegou a insinuar a prevaricación do goberno municipal e a “conivencia coa plataforma Casalonga Limpa”. Así mesmo, amosouse sorprendido porque a empresa “deixou caer que non precisa un novo plan de restauración”. As explicacións foron deliberadamente confusas, e o Alcalde afirmaba que non entendía “cal era o obxectivo da reunión” e que “seguimos na mesma situación”, nun discurso resignado, no que xa se deixa ver que haberá vertedoiro, confórmase con que “non veñan materiais de fóra” na restauración.
O portavoz do Bloque, Manuel Anxo Fernández Baz, xustificou a petición de intervención da ausente concelleira de urbanismo e tenente de Alcalde, señora Lemus, xa que logo, na propia nota de prensa do Concello maniféstase que na reunión tratáronse cuestións de urbanismo e medio ambiente –das que o Alcalde non falou– para lembrarlle a continuación ao grupo de goberno que é deber dos concelleiros fiscalizar as accións e exixir contas ao goberno municipal, “onde algúns ven ameazas, eu vexo o exercicio do dereito e o deber de exixir contas a un goberno democraticamente elixido”.
O portavoz do BNG fixo un repaso cronolóxico dos feitos máis importantes acaecidos até este momento neste asunto, o que molestou tanto ao Alcalde coma a algún concelleiro do PSOE, que semella, tiñan presa por rematar.
Para o nacionalista a reunión do pasado 24 de xullo deixou claro dúas cousas importantes: que a concesión non esta caducada e que a explotación implica necesariamente a restauración. Diante disto, Baz destacou que “a canteira está restaurada naturalmente, e por tanto o espazo xa non é o mesmo que cando se abandonou a actividade e isto podería ser un dos argumentos da solicitude de caducidade, mais cal é a razón pola que o Concello non foi a un contencioso?
Fernandez Baz lembrou que a normativa do Estado que facilita que se colen vertedoiros vía restauracións é do PSOE e que mesmo a Comisión Europea xa advertiu era un problema. Así mesmo, lembrou o compromiso do Secretario de Estado de Medio Ambiente (PSOE) coa Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, anunciado hai 16 meses en plena campaña electoral, de modificar esa normativa, mais “aínda non cambiaron nin unha coma”.
No BNG pensamos que namentres persista a vontade e non modificar a normativa estatal, podemos condicionar a restauración que se leve a cabo protexendo as masas de auga, en tanto que son o principal valor do espazo mineiro, a empresa sábeo e iso xustificaría as voaduras que Adega denunciou no Seprona. En relación con isto, o portavoz municipal preguntou se dende o Concello solicitaron que as masas de auga foran incluídas no inventario de humidais de Galiza. Esa é a forma de intentar avanzar na protección do espazo, de actuar con valentía.
Por outra banda, Baz tamén preguntou a cantas reunións se convocaron aos portavoces municipais dende o goberno municipal? É lembrou que a unidade que se pide á corporación hai que practicala non só pedila.
Así pois, desde o BNG reiteramos a nosa disposición a traballar desde e pola unidade co obxectivo de impedir que se cole un vertedoiro, mais lembramos ao goberno municipal que hai que cambiar o rumbo que leva e que hai que traballar arreo, dar explicacións e afortalar a unidade que se lle ofrece con actuacións transparentes e que protexan á veciñanza da Casalonga.