Resumo das medidas de apoio ao tecido económico propostas polo BNG no Parlamento Galego

Resumo das medidas de apoio ao tecido económico propostas polo BNG no Parlamento Galego

 PERSOAS AUTÓNOMAS

- Instamos á Xunta de Galiza a adoptar as seguintes medidas:

- Negociar coas entidades bancarias o aprazamento dos pagamentos dos créditos solicitados polo sector.

- Incorporar nos orzamentos da Xunta para 2021 unha partida específica para un Plan integral de rescate do sector dos autonómos, dotada dunha cuantía inicial ampliábel de 200 millóns de euros.

HOSTALARÍA

1) Instamos á Xunta de Galiza a que adopte as seguintes medidas:

- Constituír un Plan de Rescate Específico para o sector da hostalaría (bares, cafetarías, restaurantes, ocio nocturno e salas de concertos) e autónomos e pemes directamente asociados e dependentes do sector (distribuidores); todos eles especialmente afectados polas restricións adoptadas para frear a propagación do coronavirus. Plan que cubra o 70% das perdas ocasionadas polas restricións e sexa compatíbel con calquera outra axuda ou medida de fomento outorgada desde as administracións públicas.

- Para dar resposta aos sectores económicos afogados polas consecuencias derivadas da pandemia, instar a Xunta de Galiza a exercer o liderado que se lle esixe polos sectores afectados e impulse un grande acordo baseado na colaboración inter-administracións, co mesmo esforzo orzamentario por parte de todas, e cun mecanismo de xestión áxil co obxectivo de facer chegar no prazo máis breve posíbel as axudas aos sectores máis afectados pola covid (e entre eles, o da hostalaría).

- Flexibilizar os trámites administrativos e requisitos esixidos para poder acceder ás axudas.

- Ampliar até os 8 anos o prazo para amortizar os créditos concedidos pola Xunta aos autónomos.

 

2) Instamos a que a Xunta de Galiza reclame do Estado Español:

- Abrir unha liña de axudas directas específica para o sector da hostalaría e negocios directamente asociados e dependentes do sector, que sexa compatíbel con calquera outra axuda ou medida de fomento outorgada desde as administracións públicas.

- Exonerar do pagamento das cotas de seguranza social aos autónomos e autónomas do sector da hostalaría afectados polas restricións totais ou parciais de actividade.

 

SECTOR DO PEQUENO COMERCIO

Instamos a Xunta de Galiza a tomar de xeito urxente as seguintes medidas:

- Desenvolver e acordar co sector, no inmediato, un plan de apoio e recuperación do comercio de proximidade, feiras e mercados tradicionais, atendendo ás distintas realidades como as feiras de abastos, ou feiras especializadas, como as de artesanía.

- Desenvolver unha estratexia específica de promoción e fomento de marca dos produtos galegos, concienciando da importancia que tivo a produción propia no marco da crise da covid-19 para a súa valoración social. Particularmente, promover acordos coas cadeas de distribución alimentar a fin de que ofrezan e promocionen (convenientemente identificados) artigos de produtores/as locais, a prezos e marxes comerciais dignos.

- Desenvolver unha estratexia de impulso á comercialización en liña, incluíndo apoio loxístico, para o pequeno e mediano comercio galego.

- Tomar as medidas necesarias para declarar Galiza zona saturada de grandes superficies comerciais e estabelecer unha moratoria que impida novas aperturas na próxima década.

- Recoñecer o fracaso da lei 1/2013, do 13 de febreiro, de horarios comerciais de Galiza e impulsar en menos un estudo sobre as consecuencias lesivas que tivo para o pequeno e mediano comercio, o comercio local e de proximidade no noso país e as novas necesidades xeradas.

- Non permitir a invasión de competencias en materia de comercio por parte do Estado, e reclamar as competencia na materia para Galiza, particularmente respecto da fixación de horarios.

Resumo das medidas de apoio ao tecido económico propostas polo BNG no Parlamento Galego