Aprobadas as tres mocións presentadas polo grupo municipal do BNG
O PP abstense na moción que pide rexeitar de maneira expresa e clara calquera acto de violencia contra as mulleres
O Grupo municipal presentou tres mocións para o seu debate no pleno de onte.
A primeira pide a prolongación do ano Carvalho Calero, xa que logo, a crise sanitaria provocada pola COVID-19 provocou a anulación ou o adiamento do calendario cultural galego. Foi aprobada por unanimidade.
A segunda pide instar á Xunta de Galiza a realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial, rematar coas listas de espera en Atención Primaria e dotar co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. Foi aprobada coa abstención do PP.
A terceira urxe a rexeitar de maneira expresa e clara calquera acto de violencia contra as mulleres, fomentar unha cultura da igualdade e de respecto á diversidade e pide o compromiso do Concello de Teo en incorporar a perspectiva de xénero de forma integral en todas as decisións que se adopten, a colaboración activa na creación e dotación de medios dunha rede de entidades sensíbeis e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero. Tamén reclamar da Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia machista no proxecto de orzamentos de 2021. E do Goberno do Estado a modificación da lei avanzando nunha definición da violencia machista que supere o enfoque patriarcal e reducionista que a limita ao ámbito familiar e da parella. Foi aprobada coa abstención do PP.
Xunto ao PSOE e Son de Teo tamén asinamos unha moción de urxencia para a defensa do viario municipal da canteira da Casalonga na que rexeitamos manobra da empresa para intentar expropiar un ben público coa conivencia da Xunta de Galiza. Neste punto o concelleiro Manuel Barreiro recriminou ao grupo do Partido Popular a súa hipocrisía ao prometer antes da eleccións que o proxecto de Toysal non prosperaría e agora apoiar sen dúbida estas manobras dende a Xunta e que voten unha cousa en Teo e a contraria no Parlamento de Galiza. O concelleiro nacionalista preguntoulle tamén ao grupo de goberno si se contempla aínda a posibilidade dun Contencioso Administrativo e en todo caso, que pasos vai dar o Concello dende agora.
Fixéronse tamén os seguintes rogos e preguntas:
- Os problemas derivados da falta de potencia eléctrica no roupeiro municipal (Rarís) xa que non se pode poñer os deshumidificadores nin os radiadores.
- Limpeza dos espazos públicos, nomeadamente a fonte do Piro e o coidado e limpeza da sinalización na Ermida en Oza.
- A mellora e coidado da sinalización das rutas de sendeirismo.
- Instar ao concello que pida a Xunta que dote de persoal administrativo o centro de Saúde de Pontevea xa que cando o equipo médico ten que saír a unha urxencia teñen que botar á xente para pechalo e mesmo para pedir cita hai que achegarse ao de Cacheiras.
- Solicitar o arranxo as pistas no lugar de Cesar (Calo) que nas fochancas xa se desprenden pedras de tamaño importante. Tamén a mellora do firme na Rúa de Casal a Mouromorto. E en xeral facer notar que nos chegan moitas queixas polo estado das estradas do concello.
- Calidade de internet na Torre en Cacheiras e en xeral en todo o concello. Hai problemas enormes cos servizos de telecomunicacións. Aínda que non é un servizo propio do concello pedimos que se fagan as xestións posíbeis coas empresas para mellorar o servizo.
- Limpeza das sendas peonís da AC841. Dende a ponte amarela dos Tilos ata a Ramallosa. Na zona de Montouto (a beirarrúa a carón do tanatorio ata o Eroski) hai unha invasión de fiúnchos e herbas varias que impiden o paso de dúas persoas xuntas, tendo que baixar á calzada.
- Insistir máis unha vez en que os carrís de servizo, son usados para adiantar o que é un grave perigo para a seguridade viaria e haberá́ que seguir pedíndolle á Xunta que tome medidas.
- Que se vai facer co proxecto dos camiños seguros do colexio de Calo, á vista de que os veciños e veciñas piden que se reconsidere e se reelabore de xeito menos lesivo para eles.