O Plan de camiños seguros do colexio de Calo é mellorábel e hai que contar coa veciñanza da zona para acadar a mellor solución

IMG_3407
Fixó

Instamos á concelleira de urbanismo a a escoitar aos veciños e veciñas do lugar de Fixó e da zona da Cascalleira en Calo

O Plan de camiños seguros do colexio de Calo é mellorábel e hai que contar coa veciñanza da zona para acadar a mellor solución

O Grupo Municipal do BNG en Teo insta á Concelleira de Urbanismo do PSOE, Sra. Lemus, a ter en conta as reclamacións e alegacións da veciñanza da zona da Cascalleira, e do lugar de Fixó, ao Plan de Camiños Seguros do Colexio de Calo e mesmo a alongar o prazo de exposición e alegacións. 

Varios veciños e veciñas contactaron co BNG para trasladarnos a súa preocupación por algunhas das actuacións previstas, nomeadamente os sentidos das direccións únicas previstas no plan e os desvíos do tráfico e polo interior de aldeas con pistas moi estreitas. 

A seguridade viaria e a humanización dos núcleos de poboación son prioritarias para nós, así no pleno de xaneiro de 2013 presentamos unha moción –que foi aprobada– na que se reclamaba un plan de seguridade viaria e de humanización para o Concello de Teo, poñíanse de manifesto naquela moción os principais problemas nesta materia e a necesidade de medidas prioritarias con actuacións nos entornos dos centros de saúde e de ensino. Periodicamente vimos realizando andainas para visibilizar o problema e reclamar actuacións ao Goberno Municipal, situando o problema da inseguridade viaria como prioritario.

Neste sentido o responsábel local, Manuel Barreiro, destacou que “aínda neste contexto da COVID ten moita importancia celebrar encontros, organizados polo Concello, que poden ser telemáticos” pero tamén denunciou “que non se trata de crear ficcións para que se fagan propostas e que queden niso, senón tamén en dispoñer dos recursos e criterios técnicos para executalas e para lograrmos este obxectivo é preciso facer parte fundamental del á veciñanza e establecer unhas prioridades claras. A participación social e a implicación dos veciños e veciñas ten que ser unha das chaves do éxito da calidade de vida no noso concello”.

No Bloque Nacionalista Galego temos claro que é necesario avanzar nesa dirección e amosamos a nosa disposición para lograr o obxectivo de rematar coa inseguridade viaria e humanizar Teo e traballaremos por conseguir que nesta transformación positiva se vexan recoñecidas e valoradas todas as suxestións e achegas dos veciños e veciñas, para que o noso concello sexa un exemplo de seguridade viaria.

O Plan de camiños seguros do colexio de Calo é mellorábel e hai que contar coa veciñanza da zona para acadar a mellor solución